|
GALIZA
CONTRA A CONSTITUCIÓN EUROPEA
O pobo galego, parte
integrante do espazo europeo por tradición histórica, relación
cultural e comportamentos sociais, coñece a día de hoxe,
tras unha experiencia dilatada, o que supón a Europa social e as
súas políticas. Desde a nosa entrada forzosa no noutrora
Mercado Común Europeo (MCE), continuada polo seguimento das directrices
do Tratado de Maastrich e da sinatura da Acta da Unión, galegos
e galegas coñecemos dúas dramáticas constantes: nunca
fomos consultad@s arredor da nosa vontade de pertenza a un organismo supraestatal
como o da UE e a un tempo sufrimos o máis agresivo das súas
políticas; da reconversión do sector agrario á desertización
rural, pasando pola expulsión dos nosos mariñeiros dos seus
caladoiros e mais pola aplicación estrita e inmisericorde do receitario
neoliberal contra as clases traballadoras. O despregamento mastodóntico
dos chamados fondos de cohesión (que serviron para axustar e facer
presentábeis as cifras macroeconómicas da propaganda) non
oculta que Galiza segue nunha posición de atraso relativo en todas
as ordes fronte aos países da súa contorna e que mesmo se
ensancha a fenda que nos separa destes a respecto do que acontecía
hai 25 anos. Da mesma maneira, as enxurradas de formigón que derramaron
e derraman boa parte dos nosos montes, vales e costas nunha nova voráxine
desarrollista agora financiada por Bruxelas non disimulan a ausencia ou
a fraqueza de investimentos produtivos nin a existencia dunha burbulla
de emprego precario, subsidios repartidos polas redes clientelares e falta
de alternativa de futuro.
A ofensiva propagandística
que nos preparamos para sufrir nos meses vindeiros a favor dunha Constitución
para esta Europa non ten máis vontade ca a de referendar este modelo
de progreso antiobreiro, depredador, desarticulador e contrario aos mínimos
dereitos democráticos. É un modelo que, en capítulos
sucesivos e con lances diversos, boa parte do pobo galego impugnou en
dúas décadas de loita nacional e popular: mobilizacións
obreiras contra o recorte de dereitos sociais; tractoradas contra as limitacións
á produción agraria; demostracións de forza da Galiza
mariñeira contra a reconversión da flota; combate de diferentes
forzas políticas e sociais contra a Europa policial e en defensa
dos dereitos e liberdades. Cómpre sintetizar e continuar toda esta
rica tradición resistente nun momento chave coma este, cando os
mercadores pretenden dar carta de lexitimidade democrática a unha
estrutura xa deseñada de antemán e axilizar á vez
un funcionamento interno excesivamente torpe e lento para os seus intereses
de gran potencia. Non valen nesta ocasión as medias tintas, o podería
ser peor ou o imos quedar fóra do xogo político. Estamos
ante o paquete xurídico-político máis regresivo e
reaccionario das últimas décadas, contraposto aos principios
mínimos de democracia e benestar das clases populares. En Galiza
hai recursos, escepticismo e oposición popular suficientes para
articularmos conxuntamente unha iniciativa de masas contra unha nova lousa
que se vén derriba da nosa nación e da súa maioría
social. Hai que saír á rúa a denunciar sen ambaxes
este modelo de Europa.
O proceso: unha
burla á propia democracia formal.
Como é sabido, todo proceso constitucional que se prece ha de partir
dun requisito previo: a construción desde a base dunha asemblea
constituínte da que emanará un texto posteriormente ratificado
ou rexeitado polo pobo soberano. Mais a Unión Europea, até
o día de hoxe tutelada por quince xefes de Estado non sometidos
na súa toma de decisións a ningunha clase de fiscalización
popular, considerou demasiado avanzado este modelo e decidiu unha involución
de dous séculos: no canto dunha constitución liberal, unha
carta outorgada cociñada en privado por unha Convención
de 200 notábeis presididos por Giscard d'Estaign e presentada,
sen ningunha corrección ou matización posíbel, ao
Consello de Europa para a súa ratificación. Galiza fai parte,
teoricamente, daqueles países que poderán pronunciarse,
aceptar ou rexeitar o novo marco constitucional, mais na práctica
a situación é ben diferente: sen ser recoñecida como
nación, de nada valería unha masiva oposición galega
no referendo previsto se os votos españois apuntan noutra dirección.
Unha vez máis, non existimos colectivamente para unhas institucións
que negan a nosa capacidade de decisión. Tampouco non podemos esquecer
que con toda probabilidade estamos ante un referendo non vinculante, no
que as taxas de maioría relativa e apoio raquítico ao texto
que se prepara presentaranse como avais populares.
Unha Constitución
contra as nacións sen Estado e contra a diversidade cultural.
A pesar de os países membros da UE teren asinado, entre outros,
o coñecido Pacto dos Dereitos Civís e Políticos (1996),
no que se recoñece o inalienábel dereito á autodeterminación
dos pobos, a Constitución Europea declara con toda sinceridade
o seu recoñecemento e apoio ás fronteiras inamovíbeis
dos Estados constituídos, co cal desmente de inicio a recorrida
tese dun futuro espazo sen fronteiras ou do sen sentido dos Estados. Coa
súa vontade de preservar a identidade das nacións (Estados)
membros (artigo /. 5.1), a UE arrógase o dereito á intervención
no caso de unha maioría social ameazar a legalidade consagrada;
establece así, de facto, un imperialismo interno legalizado mediante
a chamada Cláusula de Solidariedade (p. 117).
Doutra banda, milleiros de europeos e europeas, na súa maior parte
pertencentes a pobos secularmente negados polo sistema internacional de
Estado, carecerán do dereito básico e esencial de utilizar
a súa lingua na súa relación coas institucións
da UE, o cal implica relegar de facto ducias de idiomas á categoría
de ilegais.
Unha Constitución
para o Capital e contra as clases traballadoras.
Por primeira vez na historia dos textos constitucionais, non estamos diante
dun marco de aparencia neutra no que se poderían, teoricamente,
desenvolver todos os proxectos políticos. Moi pola contra, asistimos
á consagración legal e xurídico-política da
ortodoxia neoliberal: o libre mercado europeo é principio fundamental
da nova arquitectura política (artigo I.3., 2-3); as medidas sociais
son contempladas sempre que non hipotequen a competitividade da economía
da Unión (artigo III-103), e recoñécese o obxectivo
fundamental de chegar a unha economía de mercado altamente competitiva
(artigo I.3.3.). No extremo contrario, non figura recoñecido o
dereito básico ao traballo, senón o dereito a procuralo.
A vivenda e o urbanismo non son citados como dereitos; establécense
limitacións á práctica da folga; os dereitos sociais
e laborais -ao contrario do que ocorre coa política monetaria,
represiva ou militar- non son potestade comunitaria, pois quedan en mans
de cada un dos Estados membros.
Ningún organismo controla o Banco Central Europeo, responsábel
da política monetaria, e defínese a UE con toda a franqueza
como unha área de liberdade de movementos de capitais, mercadorías
e traballadores (p. 104).
Unha Constitución
que perpetúa o patriarcado.
Non se recolle a igualdade de mulleres e homes como principio fundamental
da Constitución. Para aló de medidas puramente retóricas,
non se profunda nos medios e nos procedementos para camiñar cara
á superación do patriarcado. Non se recoñece o dereito
ao aborto libre e gratuíto e só se asume o modelo familiar
baseado no casamento. Carece de calquera mención á explotación
sexo-económica e, por tanto, non deseña medidas para a abolir.
Unha Constitución
para a tiranía e contra a soberanía popular.
A pedra angular do funcionamento institucional é o Consello de
Europa, é dicir, o poder executivo, que come cada vez máis
terreo ao lexislativo, que representaría o parlamento. Mais este
organismo só tería accesoriamente tal poder lexislativo,
e carecería, por exemplo, de iniciativa orzamentaria. O deseño
institucional aquí exposto leva a perder poder progresivamente
aos parlamentos estatais, mais, ó mesmo tempo, carécese
no ámbito europeo dunha segunda cámara con representación
territorial que puidese facer oír a voz dos pobos. O Consello de
Europa non é fiscalizado e actúa por conta propia como unha
auténtica tiranía, exercendo funcións executivas
e lexislativas (artigo I.22.1) e podendo decidir mesmo as intervencións
militares (artigo III. 198). Prescindindo da teórica separación
de poderes, serán tamén os gobernos dos Estados os que nomeen
os membros do Tribunal de Xustiza.
Unha Constitución
para a guerra, o imperialismo e a represión.
Militarización e intervencionismo son obxectivos convictos e confesos
dos máis entusiastas europeístas, quer para fortalecer un
imperialismo propio baixo o eixo París-Berlín, quer para
ensamblar un militarismo europeo na grande estrutura norteamericana, como
desexan os gobernos británico e italiano. De aí que se aposte
con absoluta clareza pola necesidade de mellorar progresivamente as capacidades
militares de cada Estado (artigo I.40.1) e se asuma a complementariedade
da política común de defensa e seguridade coa lealdade á
OTAN (artigo I.40.1), co que a UE se arrogaría o dereito de intervir
en calquera zona do Planeta onde os intereses do centro capitalista se
visen ameazados.
No plano interno,
e de maneira paralela ao reforzamento dos labores de represión
de baixa intensidade e control social da disidencia por parte das policías
estatais, os organismos Europol e Eurojust (tamén privados de calquera
fiscalización institucional) consagrarán o seu labor a focar
os problemas sociais como problemas de orde pública, nomeadamente
a oposición política real e a inmigración que asaltará
a Europa búnker.
|