A solución: Autodeterminación


Fronte á parafernalia da negociación dun novo estatuto de autonomía temos que antepoñer a clara reivindicación do dereito á autodeterminación para Galiza. Non importan preambulos, artigos, trapicheos varios dos que queren manterse na poltrona como única meta política e sen importarlles para nada os galegos e galegas.

Un estatuto tutelado pola constitución española e por forzas políticas como as que negocian na intimidade dos despachos oficiais sen lus e taquígrafos que den fe do que propoñen, non vai solucionar os problemas estruturais que padece a nosa nación. Non vai rematar coa despoboación do interior, coa emigración da xente nova, coa paulatina pero imparábel desaparición do noso idioma, nin coa expoliación dos nosos recursos naturais. Non vai frear a nosa extinción como povo e como nación.

Ás portas das eleicións municipais, os negociadores, fan un descanso no partido para poder rearmarse cuns resultados eleitorais e así poder modificar a pose no cartaz, modular as declaracións públicas. En definitiva continuar co permanente circo ao que nos teñen acostumados os “políticos profisionais”.

Alguén pode pensar que vai sair algo bó dun proceso onde o PSOE e o PP teñen maioria, ou dun BNG que so pretende homologarse e ser participe da integración de Galiza na realidade española? O actual estatuto non sirveu para Galiza, o próximo que negocien será unha nova prórroga para non solucionar nada.

A autodeterminación é a solución. As persoas que se consideran nacionalistas teñen unha obriga co país de loitar pola sua liberación nacional, e esta liberación ten que facerse desde abaixo e á esquerda, como din os zapatistas, ten que ser parte dun proceso que cambie as estruturas de clase. Esto é o que reivindicamos e esto é o que demandamos do resto das asociacións, colectivos, partidos e persoas que de xeito individual cren que a nosa nación ten un futuro propio e libre.

O proceso de autodeterminación temos que construilo permanentemente, temos que predicar como fixeron os discípulos de Cristo. E hai que predicar xa que necesitamos ser unha maioria, que hoxe non somos, de galegos e galegas que reivindiquemos a nosa condición de nación, que reivindiquemos o noso dereito á autodeterminación.

Unha vez feito todo este traballo e cando miremos a lus ao fin do túnel optaremos pola opción que escollen todas as nacións que queren seguir existindo.