Paremos a destrución da costa, non máis portos deportivos

Dende o Colectivo Nacionalista de Marín queremos amosar o noso apoio ao pobo de Cangas, ao traballo que están facendo o Foro Social e a Alternativa Canguesa de Esquerdas (ACE), no seu rexeitamento á construción do porto deportivo en Massó. Estamos ante unha desfeita ambiental que non ten ningún tipo de xustificación e que se pretende facer dende a máis absoluta ilegalidade en todos os procedementos que fixo a empresa até o momento.

A Promotora Residencial Marina Atlántica, que ten como principal accionista a Caixanova, está anunciando estes días mediante unha gran campaña publicitaria, que vai comezar unhas obras que son ilegais. O novo proxecto que vén anunciando na prensa pretende ser unha versión suave dunha obra que vai destrozar o entorno, e vén sendo a coartada para xustificar cambios de opinión. Non entendemos como unha entidade de caracter "social" como Caixanova se pode adicar a actividades especulativas e que representan atentados graves ao medio ambiente.

Todo isto estase facendo co silencio cómplice da Autoridade Portuaria de Vigo e de parte dos partidos gobernantes en Cangas, BNG e PSOE, que manteñen unha atitude ambígua cando non favorábel a un proxecto rexeitado polos veciños e veciñas de Cangas, incumprindo deste xeito o pacto asinado entre as tres forzas políticas que gobernan neste concello.

Dende Marín queremos manifestar o noso rexeitamento á construción de máis portos deportivos, pois o único que se consegue e deteriorar a costa, non crean os postos de traballo que nos pretenden vender os promotores destas instalacións, e van ligados á especulación urbanística que tanto mal está facendo.

Temos que lembrar que o proxecto de Massó é un máis dos que están previstos no Morrazo xunto con Pescadoira en Bueu ou a ampliación do Porto de Aguete. E como xa se veu neste último ou en Beluso están provocando desastres ecolóxicos, alteración de correntes e desprazamento de area nas praias.

Hai alternativas á destrución da costa que pasan polo seu coidado e por impedir a especulación urbanística tal e como están facendo noutras zonas do estado que se caracterízan polo respecto ao entorno. Para iso as administracións teñen que deixar de ser as principais impulsoras da destrución do litoral, xa que consinten e promoven obras que só benefician a uns determinados intereses económicos.

Marín, 11 de xaneiro de 2008.