Como a propaganda estadounidense fabrica un mito: Abu Musab al–Zarkaui, o superheroe do Mal.
Vladimir Alexe.


Para realzar ao superheroe do Ben –George W. Bush–, a propaganda estadounidense creou superheroes do Mal: primeiro Bin Laden, logo Zarkaui. En ambos casos, fai notar o periodista rumano Vladimir Alexe neste artígo de agosto do 2005, o demo é un anxo caído: un axente da CIA que se volvera contra o seu creador. Unha vez creado o mito, fai-se-lle asumir a responsabilidade dos feitos máis diversos para exorcizar a barbarie da Coalición
Durante os últimos catro anos, o terrorismo coñeceu un crecemento exponencial a nivel planetario. De fenómeno periférico, pasou rápidamente a ser un risco para a seguridade colectiva, o pesadelo de todas as sociedades, democráticas ou non.
Neste contexto, apareceron igualmente as superestrelas do terrorismo. O "primeiro xenio malo" do fundamentalismo islámico foi Osama bin Laden. Agora ben, na actualidade, éste corre o risco de ser destronado por un novo personaxe, considerado tan maléfico como aquel, pero muito máis misterioso: Abu Musab al–Zarkaui (ou Abu Mussab Al–Zaqawi, segundo a transcripción ortográfica inglesa). Trata-se dun personaxe cuxo nome era totalmente descoñecido até hai tres anos, pero ao que dende entón se lle atribue o papel de líder da insurrección iraquiana, de cerebro das operacións terroristas contra Estados Unidos e Europa.
Fala-se tanto sobre feitos tan complexos que ao cabo parece máis ben o heroe de contos populares en vez dun home de carne e oso. Hai analistas que sosteñen que se trata dun misterioso xordano de orixe palestina, unha lenda que xa veremos parece creada con fins propagandísticos.
A "guerra contra o terrorismo", caracterizada polo presidente Bush Jr. como a "guerra do dereito", define o "Ben" e o "Mal" sobre a Terra, o que fai dos xefes mundiais do terrorismo as encarnacións inmediatas do "Mal". As campañas de propaganda teñen polo tanto a función de manter viva a "ameaza terrorista" na mente dos cidadáns norteamericanos. A creación de certos personaxes, de certos mitos do terrorismo universal como Osama bin Laden (ex axente da CIA) ou, na actualidade, Abu Musab al–Zarkaui, todo o tempo perseguidos, pero xamais apresados polo Pentágono, ten a función de autentificar, "personalizar" unha guerra que permitiu, a fin de contas, ampliar considerabelmente a esfera de influencia directa dos Estados Unidos.
Afganistán: os inicios
Michel Chossudovsky escribe nun artigo intitulado "The Pentagon's New Terrorist Mastermind" que as axencias de intelixencia e contraespionaxe norteamericanas constituíron dende hai muito as súas proprias organizacións terroristas. Unha serie de organizacións "islamistas" actuaron e actúan aínda de conformidade cun plan segredo para crear as ocasións e xustificar no mellor momento a intervención do exército dos Estados Unidos. Sempre segundo Chossudovsky, esta organización funcionaría exactamente como os dous brazos dun corpo humano, no que o esquerdo crea as condicións para a intervención do dereito. Polo tanto existe un "cerebro" que o coordina todo, e o autor recorda que o movemento "islámico–terrorista" perseguido por Washington na actualidade foi nos seus inicios pura creación estadounidense.
¿Cómo inventaron os Estados Unidos o movemento islámico–terrorista? É precisamente Zbigniew Brzezinski quen no-lo di nunha entrevista aparecida no número do 15–21 de xaneiro de 1998 do Nouvel Observateur. O ex conselleiro para os asuntos de defensa nacional do presidente Jimmy Carter desvela na mesma –en exclusiva– que a intervención da CIA en Afganistán precedeu á invasión soviética de 1979. Di Brzezinski: "Segundo a versión oficial da historia, a CIA apoiara ao movemento dos muxaidines a partires de 1980, é dicer, despois da intervención armada soviética que invadiu Afganistán o 24 de decembro de 1979. Na realidade as cousas sucederon de forma diferente, mais trataba-se dun segredo gardado até agora. O 3 de xullo de 1979, o presidente Carter firmou a primeira directiva segreda para axudar aos opositores ao rexime pro soviético de Kabul". O obxectivo era crear un "Vietnam" para o exército e a economía soviética. No marco deste plano segredo, os Estados Unidos financiaron, adestraron e armaron sustancialmente a milleiros de islamistas traídos de diversos países e continentes ao veciño Pakistán.
A prestixiosa revista Covert Action Quaterly, que nas súas últimas entregas publicou o sumario dos acontecementos do 11 de setembro de 2001 e a evolución do fenómeno do terrorismo, fai un balance inquietante: a administración Carter creou aos "islamistas" de Sudán; a administración Bush pai intensificou a colaboración cos "islamistas" de Afganistán e Sudán, mentres que a administración Clinton apoiou aos "islamistas" de Albania, Arxelia, Bosnia, Chechenia, Irak e Libia.
Dende un punto de vista xeoestratéxico, Osama bin Laden é o mellor "amigo" do presidente Bush. ¿Que tería feito Bush sen Bin Laden?, pregunta-se Michael C. Ruppert, con trinta anos de experiencia en misións "segredas" as súas costas, na súa obra Crossing the Rubicon [1]. As conclusións do autor van moi lonxe: "Creo que Bin Laden foi e segue sendo un axente da CIA, do governo dos Estados Unidos e de Wall Street." Iso explicaría por que o terrorista máis buscado do planeta non foi nunca capturado. No entanto, dende xaneiro de 2003 outro mito do terrorismo internacional aparece na area internacional: o do pretendido Abu Musab al–Zarkaui, a quen ninguén coñecía até esa data. ¿Quen é entón este Zarkaui?
Biografía confusa para un oscuro terrorista
Até xaneiro de 2003 oía-se falar moi pouco de Abu Musab al–Zarkaui. Ilustre descoñecido, nun breve lapso de tempo converteu-se no terrorista máis famoso do planeta. No entanto, a súa biografía está rodeada dun velo de misterio, de aí que sexa moi difícil separar o aspecto lendario da realidade. A lenda podería ser atribuída ao imaxinario popular, mais, tamén, á propaganda guvernamental. Coas reservas de rigor, hei aquí máis ou menos os principais feitos que, segundo se di, terían marcado até hoxe a existencia de Abu Musab al–Zarkaui.
Naceu hai 38 anos na localidade de Zarka, en Xordania, dunha familia pobre de nove fillos. A súa familia pertence á tribo beduina Bam Hassan, a maior e máis relixiosa das tribos hachemitas do reino de Xordania. O seu nome ao nacer foi Ahmed Fadil Hamdan Khalaila, que máis tarde cambiou polo de Abu Musab al–Zarkaui, segundo o nome do povoado natal do seu pai.
Aos doce anos, Abu Musab foi botado da escola e atopou refuxio nos campos palestinos da periferia de Ammán. Tiña arredor de 20 anos cando partiu a luitar a Afganistán contra o ocupante soviético. Alí inventou a forma de facer bombas artesanais e logo foi adestrar-se a un campo de muxaidíns procedentes de diversos países musulmáns. En 1990 volveu a Xordania. No mes de decembro de 1999, o nome de Zarkaui é pronunciado durante o ataque ao hotel "Padisson Sas", en Ammán. Descuberto o complot pola policía, Zarkaui é feito prisioneiro e logo indultado. Ao saír de prisión fuxe a Pakistán para logo regresar a Afganistán. En 2002, Zarkaui luita cos talibáns contra as forzas norteamericanas. Di-se que foi gravemente ferido nun pe durante unha emboscada, o que non lle impediu fuxir a Irak, onde, nun hospital de Bagdad, lle amputaron o pe ferido. Posteriormente, e segundo todas as probabilidades, a invasión anglo–estadounidense atopa a Abu Musab al–Zarkaui no Norte de Irak, na zona kurda, lugar ideal para continuar a "guerra santa" á fronte do seu grupo de combatentes "Ansar al–Islam", composto por perto de 400 fundamentalistas. Finalmente, en abril de 2003, tras a caída de Bagdad ante a ofensiva das forzas dos Estados Unidos, Zarkaui e o seu grupo son ubicados no centro de Irak na zona nomeada "o triángulo sunita".
Nacemento dunha lenda
Zarkaui foi polo tanto catapultado á area internacional en febreiro de 2003, apenas seis semanas antes da invasión norteamericana a Irak so pretexto da presenza de armas de "destrución masiva" fabricadas polo rexime de Sadan Husein, segundo o discurso do secretario de Estado Colin Powel ante o Consello de Seguridade da ONU onde éste declaraba: "O que quero sinalar-lles hoxe é a conexión, posibelmente muito máis sinistra, existente entre Irak e a rede terrorista Al Qaeda, conexión que vincula ás organizacións terroristas clásicas cos métodos modernos de asasinato. Irak alberga hoxe unha mortífera rede terrorista dirixida por Abu Musab al–Zarkaui, aliado e colaborador de Osama bin Laden e o seus lugartenentes de Al Qaeda." Na súa alocución, Powell emprega en nome de Zarkaui para estabelecer o vínculo entre Sadam Husein, o partido Baas (socialista–nacional) e o que Washington denominará a "rede do terror islámico". Noutras palabras, descoñecido até entón, o terrorista de orixe xordana era apresentado como a verdadeira proba de que o Irak de Sadam Husein (totalitario e laico), mantiña relacións con Al Qaeda. Unha vez estabelecida esta relación, a administración Bush Jr. podería pretender que o rexime de Bagdad constituía unha ameaza para os Estados Unidos. No centro desta argumentación, un home, o misterioso Abu Musab al–Zarkaui, é bruscamente propulsado ao estatus de superterrorista.
Dado que nese momento o seu nome era totalmente descoñecido, o secretario de Estado viu-se obrigado a facer unha curta presentación: "palestino nativo de Xordania, Abu Zarkaui combatera durante a guerra de Afganistán había máis de dez anos. Ao seu regreso a Afganistán, en 2000, dirixiu un campo de adestramento de terroristas. Unha das súas especialidades e unha das especialidades do campo: o veleno. Cando a nosa coalición fixo fuxir aos talibáns, a rede de Abu Zarkaui axudou a estabelecer outro campo de adestramento dos especialistas do veleno e os explosivos, e este campo está situado no nordeste de Irak. Esta rede ensina aos seus membros a producir ricina e outros velenos (...). Dende a súa rede terrorista en Irak, Abu Zarkaui pode dirixir as actividades desta rede no Meio Oriente e máis alá (...). Abu Zarkaui e a súa rede prepararon actos de terrorismo contra países como o estado frances, Gran Bretaña, o estado español, Italia, Alemaña e Rusia".
Dun pequeno muxaidín anónimo, Al–Zarkaoui pasou a ser nun día unha estrela do terrorismo internacional e a súa consagración chegou algunhas semanas máis tarde, cando o proprio presidente Bush Jr. mencionou a Al–Zarkaoui, cualificando-o directamente como o "home máis perigoso do planeta, despois de Osama bin Laden".
Terror nos Estados Unidos
Despois do discurso de Colin Powell ante o Consello de Seguridade, tampouco a opinión pública olvidou o nome de Al–Zarkaui. O terrorista de quen nunca se oira falar facía-se bruscamente omnipresente en todas as frontes. O 8 de febreiro de 2003 produce-se unha "alerta antirricina" en Estados Unidos. Nunha carta enviada á dirección de Bill Frist, líder da maioría republicana no Senado, descubriu-se un "pó branco sospeitoso". Inmediatamente as autoridades mencionan o nome de Zarkaui, identificando-o como o "posíbel cerebro" da operación. A National Rewiew do 18 de febreiro de 2003 brinda os seguintes argumentos: "É ben coñecido que Zarkaui, enxeñeiro bioquímico e xefe da organización Al Qaeda, ocultaba-se en Afganistán onde se atoparon trazas de ricina así como outros velenos".
A histeria da ricina de Zarkaui foi substituída seguidamente por outra cousa. O 13 de febreiro de 2003, a cadea de televisión ABC difundía a noticia de que o terrorista–fantasma refuxiado en Irak preparaba alí un ataque con bomba radioactiva a Estados Unidos. Isto tiña lugar xustamente unha semana despois do discurso de Colin Powell ante o Consello de Seguridade.
¡Nos Estados Unidos as autoridades desencadean a "alerta laranxa"! Powell declaraba entón á cadea ABC: "É fácil para un terrorista facer-nos arder cunha bomba radioactiva fabricada nos Estados Unidos. O povo norteamericano debe saber que esta posibilidade existe." Durante este tempo a cadea de televisión estadounidense alertaba aos hoteis, boutiques, inundaba os buzóns electrónicos, etc. Despois deste anuncio, decenas de miles de estadounidenses precipitaban-se a mercar máscaras de gas, coberturas de plástico, cintas adhesivas, etc. a fin de preparar-se para un eventual ataque.
É inútil dicer que despois da ocupación de Irak, as tropas da Coalición non atoparon unha soa bomba radioactiva, nin ricina nin arma química calquera que esta sexa.
A filial española
O "mito Al–Zarkaui" foi afortalado polo presidente español José María Aznar. Mentres Colin Powell apresentaba o "expediente Zarkaui" na ONU, Aznar declaraba o 5 de febreiro de 2003 no parlamento español que existían informacións segundo as cales o estado español podería ser branco de ataques químicos.
Segundo Aznar e reportado por El País o 6 de febreiro de 2003, Al–Zarkaui tería tido vínculos con Merouane Ben–Ahmed, un "experto en armas químicas e explosivos a quen visitou pouco tempo antes en Barcelona". Máis aínda: Aznar sostivo ante a Cámara de Deputados que 16 sospeitosos de Al Qaeda en posesión de armas químicas e explosivos tiñan relacións co terrorista–fantasma Al–Zarkaui.
A información na súa totalidade era falsa. O ministro español de Defensa recoñeceu máis tarde que as "armas químicas" só eran simples deterxentes" (cf. Irish News, 27 de febreiro de 2003).
Posteriormente, producen-se os atentados de Madrid o 11 de marzo de 2004. Aínda que as investigacións da prensa española excluíran a implicación de Al–Zarkaui, a CIA designaba-o como o principal sospeitoso. A hipótese foi apresentada novamente na CNN o 13 de marzo de 2004. É dicer, dous días despois do atentado, cando a investigación da policía española apenas comezara. Un convidado da CNN explicaba en que se baseaba para acusar a Al–Zarkaui: "Interceptei o seu último memorando, o mes pasado, que indicaba a continuación das accións contra Estados Unidos".
Máis tarde, o argumento foi retomado, pero de forma máis matizada. Segundo a CIA, un "grupo de marroquínos" tería estado implicado nos atentados de Madrid. Estes deberan estar en contacto con Al–Zarkaui segundo o descubrimento do diario The Australian do 24 de maio de 2004.
O misterioso Al–Zarkaui parece polo tanto ser alguén moi ocupado. Miremos máis perto o que fixo na primavera de 2003. Dende o seu escondite iraquiano –protexido da mirada dos inspectores da ONU que rexistran o país en todas direccións–, o noso superterrorista preparaba ricina para enviar por carta a Estados Unidos, enterraba algunhas bombas radioactivas, organizaba e coordinaba a súa rede criminal recentemente estendida a catro países europeos e, para rematar, facía de intermediario entre Al Qaeda e o rexime de Sadam Husein. Nin sequera a invasión estadounidense a Irak logrou frear esta actividade frenética. Moi polo contrario. Dende entón os feitos atribuídos a Al–Zarkaui son, en primeiro lugar, numerosos. O seu nome é relacionado con máis ou menos todas as accións terroristas.
The Weekly Standard, revista próxima aos círculos neoconservadores do grupo PNAC, escribía o 24 de maio de 2004: Al–Zarkaui dirixiu non só o asasinato de Nick Berg, senón tamén a carnicería de Madrid o 11 de marzo, o bombardeo dos chiítas en Irak durante o mesmo mes e o atentado kamikaze do porto de Basora o 24 de abril. Antes do 1º de setembro de 2001, conspiraba para matar turistas israelís e norteamericanos en Xordania."
Abu Musab al–Zarkaui converteu-se no novo "xenio do mal" do islamismo, mentres que pouco a pouco se ía esquecendo Osama bin Laden. A CIA aumentou a recompensa pola captura de Zarkaui de dous millóns de dólares a 30 millóns, unha suma en consonancia co seu rango de superterrorista.
De forma estraña e a pesares da súa implicación en tan numerosas actividades criminais dadas por verdadeiras, Zarkaui permanece sendo un personaxe fantomático. As informacións sobre a súa persoa continúan sendo sumarias. Os responsábeis da CIA recoñeceron na mesma entrega do Weekly Standard que a Axencia non dispón dunha soa fotografía que supoñaa sexa de Zarkaui e non coñece nin a súa talla nin o seu peso.
O videocasete da execución de Nicolas Berg
En maio de 2004, Al–Zarkaui era responsabilizado pola decapitación de Nicolas Berg [2] tras te-lo tomado como refén. Algúns comentaristas non puideron abster-se de sinalar que esta execución –supermediatizada– caeu no momento oportuno para Donald Rumsfeld. En meio do escándalo da prisión de Abu Ghraib, numerosos senadores norteamericanos solicitaran a renuncia do secretario de Defensa a quen consideraban responsábel, polo menos moralmente, dos horrores que se practicaban nesta prisión.
A cinta gravada coa execución de Nick Berg creou na opinión pública unha corrente de indignación antiiraquiana que podía distraer a atención de duas cuestións importantes. O 11 de maio de 2004, a CNN apresentaba un misterioso informe, descuberto nun sitio islámico, no que se acusaba a Zarkaui de ter decapitado a Berg. Dous días despois, a CNN anunciaba: "A CIA confirma que o asasino de Nicholas Berg foi Abu al–Zarkaui".
A proba: un videocasete intitulado: "Abu Musab al–Zarkaui presente na execución dun norteamericano." Na gravación vía-se a un individuo enmascarado que falaba inglés e do que os expertos da CIA dicían ao unísono: "¡É Zarkaui!"
Sirajin Sattayev en "Was Nick Berg killed by US intelligence?" sinalaba unha serie de fallas de concordancia no videocasete. Así, Sattayev sinalaba: Zarkaui é xordano, pero o home do videocasete non fala con acento xordano. A Zarkaui amputaron-lle un pe, no entanto ningún dos pes do home que aparece na cinta apresenta esta anomalía. Ademais, o home que se pretende sexa Zarkaui ten posta unha alianza amarela, probabelmente de ouro; iso é algo que ningún islamista fundamentalista faría porque a súa fe non llo permite.
Inmediatamente despois da mediatización desta verdadeira bomba –un Zarkaui cos seus dous pes, un anel de ouro no dedo anular e que fala inglés–, a revista News and World Report do 24 de maio afirmaba: "As personalidades oficiais e autorizadas da intelixencia norteamericana, que crían que Zarkaui perdera un pe en Afganistán, modificaron recentemente a súa opinión e agora afirman que Zarkaui ten os seus dous pes". A situación cambia.
O misterio dos reféns en Irak
A diferenza de Bin Laden, Zarkaui non chamou nunca á "guerra santa" contra os xudeus ou os cristiáns (os "cruzados"). Durante a súa declaración ante o Consello de Seguridade da ONU, Colin Powell "esqueceu" mencionar dous feitos importantes: por unha parte que Zarkaui e a súa organización "Ansar al–Islam" eran opostos a Sadam Husein, e, por outra, que os Estados Unidos non manifestaron ningún interese (o que puideran facer) para destruír a súa base no Norte de Irak nunha zona maioritariamente habitada polos kurdos. ¿Por qué?
¿Dende cando en Irak as tomas de reféns son meios estratéxicos? Perto de seis meses despois de que a Coalición dirixida por Estados Unidos ocupara o país. En maio de 2004 (despois de perto dun ano de ocupación) Nick Berg é decapitado. Seguen-lle Eugene Armstrong e Jack Hensley no mes de setembro de 2004, logo o británico Ken Bigley en outubro de 2004.
O impresionante é que entre os reféns de Zarkaui hai personaxes especialmente desagradábeis para a Coalición. Trata-se de homes de negocios sospeitosos de espionaxe, de periodistas de "esquerda" ou independentes que reportaban feitos contra os intereses das forzas de ocupación e a quen lles era indiferente a censura, ou activistas de organizacións humanitarias independentes.
Por exemplo, Nick Berg foi secuestrado no momento en que a Coalición sospeitaba de el por desprazar-se clandestinamente de Irak a Irán. Segundo o seu pai, o FBI investigaba a toda a familia de Berg nos Estados Unidos na procura de informacións sobre as viaxes deste a Irán. As reportaxes de Giuliana Segrena, a periodista do Manifesto (diario comunista italiano) non eran favorábeis ás tropas de ocupación e recordaban constantemente o "xenocidio de Faluya".
Estados Unidos só estimula a vir a Irak aos periodistas chamados "corresponsais de guerra", acreditados ante as forzas da Coalición. Reciben un uniforme do exército dos Estados Unidos así como protección militar. No hotel reciben notas e videocasetes controlados pola censura militar. Como durante a guerra coa ex Iugoslavia, estes moi numerosos "corresponsais de guerra" apenas abandonan os seus hoteis e envían aos seus diarios as informacións que lles brinda xa feitas o exército dos Estados Unidos. Os demais periodistas, os que fan o seu traballo sen pasar pola censura militar, corren o risco de caer en mans de "Zarkaui" e ser decapitados ou obxecto dun pedido de rescate. ¿A idea non é atemorizar aos periodistas e aos traballadores das ONG independentes (ver o programa do Pentágono "P2OG") a fin de incita-los a permanecer alonxados das zonas "sensíbeis"?
Calquera que sexa o grao de imprevisibilidade da situación en Irak, non podemos menos que asombrar-nos pola forma máis que rara empregada por Al–Zarkaui para alcanzar os seus obxectivos. Numerosas vítimas das accións da súa organización non tiñan que coidar-se, a priori nin de forma explícita, de ser un obxectivo dos terroristas islámicos.
Dez mil dólares por crer na fición "Zarkaui"
O nome de Al–Zarkaui foi invocado en 2003 para xustificar a guerra en Irak. Hoxe, é apresentado como a punta de lanza da insurrección, motivo esgrimido para afirmar que a paz non é aínda posíbel, polo que as tropas da Coalición deben pospor a súa retirada. Atribue-se-lle á organización de Zarkaui todo tipo de accións terroristas: coches–bombas, secuestros, toma de reféns e execucións. Tantas accións e tan complexas que parece difícil sexan dirixidas por un só home. O diario australiano The Age plantexa unha hipótese interesante: "Al–Zarkaui non existe". Ou, polo menos, o personaxe brioso e hiperactivo descrito polos servizos segredos norteamericanos non existe. É un personaxe de fición. The Age reporta, mantendo o anonimato, o testimonio dun oficial de operacións psicolóxicas do exército norteamericano. Este declarara ao diario australiano: "Paguei até 10,000 dólares a oportunistas e a delincuentes comúns para que afirmaran un pouco por todas partes, ao ser interrogados polos periodistas, que Zarkaui existe, facendo-o así o heroe de cada acción terrorista en Irak".
¿Onde está entón a verdade ou a mentira tras a lenda dos novos personaxes do terrorismo? ¿Foi este personaxe na súa totalidade fabricado nun laboratorio da desinformación ou, a partires dunha base real reforzaron-se-lle un pouco os "rasgos"? Como quera que sexa, e no que respecta aos seus inicios na luita islámica, a CIA debería saber bastante. Os meios de comunicación evitan recordar un feito extremadamente importante: "Al Qaeda" naceu en 1987, nos campos islamistas de Pakistán, apoiada pola CIA e o ISI (servizo de contraespionaxe do exército paquistaní) que luitaba en Afgfanistán contra o ocupante soviético. É nesta época que a CIA recruta a Bin Laden. Tanto el como o mozo Zarkaui servían aos intereses dos Estados Unidos contra o inimigo da época: a Unión Soviética. Este feito foi incluso recoñecido polo ex secretario de Estado, Colin Powell, o 5 de febreiro de 2003 na súa apresentación dos feitos ante o Consello de Seguridade.
Existe unha vasta documentación, sistemáticamente ignorada polos grandes diarios e cadeas de televisión, en canto á axuda e apoio concedidos pola CIA durante estes anos a "Al Qaeda". Personaxes políticos de primeira magnitude como Colin Powell e Richard Armitage implicaron-se directamente a fin de canalizar os esforzos dos insurxentes islamistas en Afganistán. Así, pode concluír-se que tanto Osama bin Laden como Abu Musab al–Zarkaui foron puras "creacións" da CIA.
Hoxe un novo argumento abre-se paso entre os neoconservadores, a saber que Al–Zarkaui estaría financiado por Irán. De aí que a este país Washington o situara na lista de países do "Eixo do Mal". De xeito que a "época de Al–Zarkaui" non parece rematar e o terrorista–fantasma podería ser utilizado contra Irán.

* Vladimir Alexe é periodista do diario Ziua (O día) en Bucarest, autor de obras de historia contemporánea, en especial dunha biografía moi crítica do ex presidente Ion Iliescu.
Notas:
1] Crossing the Rubicon, The Decline of the American Empire at the End of the Age of Oil, por Michael C. Ruppert, New Society Publishers 2004.
[2] "O caso Nicholas Berg" Voltaire, 20 de maio de 2004.
Red Voltaire, 5 de agosto de 2005