A un ano do ditame do Grupo de
Traballo da ONU
A xustiza burlada: os 5 continúan en prisión
Andrés
Gómez- Rebelión
O 27 de maio pasado
fixo un ano que o Grupo de Traballo sobre Detencións Arbitrarias
da Comisión de Dereitos Humanos da ONU declarou arbitraria a
detención e prisión dos Cinco: Gerardo Hernández,
Ramón Labañino, Antonio Guerrero, Fernando González
e René González, por contravir o artigo 14 da Convención
Internacional de Dereitos Civís e Políticos, e instou
ao governo de Estados Unidos a adoptar as medidas necesarias para solucionar
esta situación.
O Grupo de Traballo
sobre Detencións Arbitrarias, un dos mecanismos especiais da
Comisión de Dereitos Humanos da ONU, que se compón de
cinco expertos, foi estabelecido en 1991. Hai un ano, en maio do 2005,
compoñia-no expertos do estado español, Hungría,
Irán, Paraguai e Arxelia. Como consta, tres dos expertos proveñen
de países cuxos governos son aliados de Estados Unidos.
O Grupo de Traballo
adoptou esta decisión como resultado da solicitude que lle fixeran
persoalmente en Xenebra no 2003 os familiares dos Cinco e despois de
avaliar os argumentos brindados, tanto polos familiares, como polo governo
de Estados Unidos.
O governo de Estados
Unidos rexeitou o ditame do Grupo de Traballo desprezando así
unha vez máis á xustiza no seu ensañamento cos
Cinco. De igual xeito mantén aos Cinco inxustamente presos –por
case oito anos- a través dunha detención e un proceso
xudicial na súa contra baseados en acusacións falsas.
Hai xa dez meses dende que o Tribunal de Apelacións do Onceno
Circuito, composto por tres xuices, nomeado polo Pleno do Tribunal de
Apelacións dese Circuito, ditaminara unánimemente a anulación
do xuizo dos Cinco, determinando a revocación das súas
condenas. Mais non foron liberados. A través de enmarañados
procesos de apelacións nos tribunais, que burlan á xustiza,
os Cinco –inocentes- continúan encarcerados, baixo condicións
penosas.
O ditame do Grupo
de Traballo é extremadamente importante xa que é o mecanismo
aceptado polos Estados Membros para que a ONU faga valer os seus criterios
sobre os aspectos do Dereito Internacional que se relacionan con estes
casos.
¿En que se basea a decisión do Grupo de Traballo? Para
coñecer as súas conclusións cito da súa
Opinión con relación aos Cinco:
“Despois do arresto, e independentemente do feito de que os detidos
foran informados do seu dereito a gardar silenzo e de que o Governo
lle facilitara a defensa, foron mantidos en confinamento solitario durante
17 meses, durante os cales a comunicación cos seus avogados e
o acceso á evidencia e, con isto, as posibilidades dunha defensa
adecuada viron-se debilitadas.
Como o caso foi
clasificado como de seguridade nacional, viu-se afectado ao acceso por
parte dos detidos aos documentos que contiñan a evidencia. O
Governo non refutou o feito de que os avogados da defensa tiveron un
acceso moi limitado á evidencia debido a esta clasificación,
o que afectou negativamente a súa capacidade para presentar evidencia
contraria. (…)
O Governo non negou que o clima de predisposición e perxuizo
contra os acusados en Miami persistiu e contribuiu a presentar aos acusados
como culpábeis dende o principio. Non foi impugnado polo Governo
o feito de que un ano máis tarde o mesmo admitiu que Miami non
era o lugar axeitado para celebrar un xuizo onde estaba probado que
era case imposíbel seleccionar un xurado imparcial nun caso vinculado
con Cuba.
O Grupo de Traballo
observa que a partires dos feitos e circunstancias en que se celebrou
o xuizo e da natureza dos cargos e das severas sentenzas dadas aos acusados
infire-se que o xuizo non tivo lugar no clima de obxetividade e imparcialidade
que se necesita para concluír que cumpre coas normas dun xuizo
xusto, como se define no Artigo 14 da Convención Internacional
de Dereitos Civís e Políticos, da cal Estados Unidos é
parte.
O Grupo de Traballo
chega á conclusión de que os tres elementos enunciados
arriba, no seu conxunto, son de tal gravidade que confiren á
privación de liberdade destas cinco persoas un carácter
arbitrario.”
Seguido, o Grupo de Traballo insta ao governo de Estados Unidos a adoptar
as medidas necesarias para remediar esta situación de conformidade
co Dereito Internacional.
Este ditame coincide
e confirma os argumentos esenciais do equipo de avogados da defensa
dos Cinco e da decisión do Tribunal de Apelacións do Onceno
Circuito que en agosto pasado anulara o xuizo e revocara as súas
condenas.
Todos sabemos a resposta do governo de Estados Unidos ante estas abrumadoras
probas de iniquidade, a cal demostra o seu desprezo polo imperio da
lei e a xustiza.
* Andrés
Gómez, director de Areítodigital