Que é a Comisión Trilateral?
Raul Calvo Trenado

¿Quen manexa o mundo? ¿FMI, BM, OMC, G8, Foro Económico Mundial de Davos?... Unha das institucións máis poderosas, a Comisión Trilateral, ten un papel moi destacado no deseño da orde económica e no entanto non é citada en meios de comunicación, nin oficiais nin alternativos. Quen son os seus membros españois.
Introdución
¿Quen governa en verdade o mundo? Plantex-se a altermundismo, que nos explica que os poderes executivos nacionais perderon a súa capacidade de decisión política e converteron-se en meros xestores administrativos.
Eu personalmente non comparto de todo a postura que afirma que o fenómeno chamado globalización enterrou definitivamente o concepto de Estado ou está en vías de realiza-lo en breve. Mais, en todo caso, xa falarei diso noutra ocasión; sigamos adiante.
Quen governa, entón, o mundo. Non basta dicer simplesmente as multinacionais pois por moi grandioso que sexa a súa influencia, na sociedade actual seguen sendo necesarias certas institucións que diten regras (cumpran-se ou non) para se repartires o pastel económico.
Cando se realizou hai arredor dunha década a campaña “Cincuenta anos bastan” sinalaba-se ás institucións de Bretton Woods: Fondo Monetario Internacional e ao Banco Mundial como rexedoras do mundo- a Organización Mundial de Comercio nacería pouco despois[1]-. Acababa de caer o bloque socialista e comezaba-se a debuxar o que se chamou a Nova Orde Mundial.
Hoxe, anos despois, estas vellas organizacións internacionais e outras similares aumentaron a súa influencia vertixinosamente. O movemento contra a globalización capitalista sinala como principais responsábeis do malestar mundial ás seguintes entidades: FMI, BM, OMC, G8 e Foro Económico Mundial[2].
Deste repoker neoliberal, as tres primeiras deberían ser as que marcasen as pautas e especialmente a terceira xa que é a que ten unha maior capacidade coercitiva contra os Estados; tamén é a máis nociva: se por unha desas estrañísimas razóns que as veces se dan, o BM ou o FMI realizan un proxecto mínimamente humanitario, a OMC xa se encarga de destruí-lo.
¿E por que deberían ser estas as directoras da globalización? Porque dentro da “lóxica” capitalista son as máis “democráticas”. Explico-me:
O neoliberalismo, certamente, non é democrático e é a capacidade económica a que dita a influencia e o dominio de cada persoa, país, empresa, etc. No entanto, FMI, BM e OMC poden aparentar ante a opinión pública mundial que son asamblearistas e que todos os seus países membros teñen igual capacidade de voto e decisión.
No entanto, isto xa non é posíbel co G8 nin muito menos co Foro Económico Mundial.
O G8 é o grupo dos países máis industrializados[3] e aquí descaradamente trata-se dunha reunión de grandes potencias para repartir-se o mundo e impor o seu criterio ás demais nacións. Peor aínda mostra-se-nos o caso do Foro Económico Mundial, unha reunión de xente rica, simplesmente; e se ben non é máis que un club de reflexión, é obviar a influencia que exerce.
Precisamente un de estes clubes, a Comisión Trilateral, ten un papel moi destacado no deseño da orde económica e no entanto non é citada en meios de comunicación, nin oficiais nin alternativos.
Non se organizan grandes marchas de protesta cando se reúne a Trilateral como ocorre con outras institucións do neoliberalismo, pasa case desapercibida a pesar de ter unha labor activa, moi activa... Tanto, que o repoker a pode ter como compañeira para formar un sexteto, e incluso podería encabeza-lo.
A Trilateral
En xullo de 1973 nacía oficialmente a Comisión Trilateral tras ano e meio de reunións fomentadas polo Chase Manhattan Bank. Trataba-se dunha asociación de carácter privado na que o seu ideólogo máis destacado é Zbigniew Brzezinski[4] que a definiu como "o conxunto de potencias financeiras e intelectuais maior que o mundo coñecera nunca".
A Trilateral articula-se atendendo ás zonas xeográficas (de aí o seu nome) que rexen o planeta: América do Norte (EE.UU. e Canadá), Europa e Xapón. Cada unha destas divisións dispón dun Comité Executivo que elabora as “receitas” económicas para a súa área de influencia.
¿E o chamado Terceiro Mundo? Ese non ten nin representación, para os membros de cada comité é únicamente unha zona de rapiña aínda maior que a das súas respectivas áreas; de feito, segundo o proprio Brzezinski, un dos obxectivos da Comisión é "o estabelecemento dun sistema internacional que non se poda ver afectado polas ‘chantaxes’ do Terceiro Mundo". Para este grupo de cleptócratas, os países pobres, sangrados por unha ominosa debeda externa, non son as vítimas senón os verdugos (!).
O órgano máximo de dirección é o Comité Directivo Mundial, presidido por David Rockefeller[5] e no que están presentes os membros máis destacados dos tres comités rexionais.
En 1975 publicou-se o ideario político e económico da Comisión tras reunir-se en Kyoto.[6]
A todas as asembleas da Trilateral asistiu a Unión Soviética sen que isto producira unha perturbación para os seus membros xa que "o gran conxunto económico soviético, onde se afirma a concentración de fortes unidades de produción que, aínda que todavía nacionais, operan con fundamentos e capacidade de acción multinacional". As multinacionais da Comisión comerciaron coa URSS de forma masiva incluso en tecnoloxía punta (petroquímica, sistemas electrónicos, equipamento industrial, etc.) a pesar da Guerra Fría; á larga isto produciu que a economía soviética dependera excesivamente da Comisión.
O pensamento político e económico da Trilateral
A Trilateral foi unha pioneira no que se chamou pensamento único e globalización. En 1975 declaraba nunha forma que parecía moi ética e solidaria que "A Comisión Trilateral espera que, como feliz resultado da Conferencia, todos os governos participantes poñerán as necesidades de interdependencia por enriba dos mesquiños intereses nacionais ou rexionais". Ao ano seguinte, o incombustíbel Brzezinski dicía á prensa: "nos nosos días, o Estado-Nación deixou de xogar o seu papel"[7].
Con muita maior crudeza e por tanto con maior claridade explicou-se Rockefeller: "Do que se trata é de substituír a autodeterminación nacional que se practicou durante séculos no pasado pola soberanía dunha elite de técnicos e de financeiros mundiais". Tecnocracia e poder da oligarquía económica… Polo menos temos que recoñecer que é sincero.
¿Un governo mundial?
Certamente que as decisións desta organización non se airean e o seu impacto meiatico é moi discreto pero en absoluto pode-se tildar de cuasi clandestina. As súas conclusións dan-se a coñecer así que non podemos falar de conspiracións, governo na sombra, sociedade segreda, etc. No entanto, habería que sinalar que a Trilateral ten tendencia ao esotérico: o emblema da Comisión é unha circunferencia periférica dividida en tres fragmentos, de cada un dos cales parte unha frecha que converxen no centro; é unha copia burda do arcano da Unidade. ¡¡¡A mística do diñeiro!!!, seguramente os seus membros deben-se considerar a si mesmos como deuses menores do elenco do Gran Deus Plusvalía.
No entanto, existiron, e quizais existan todavía, organizacións clandestinas relacionadas coa Trilateral: demos como exemplo que en 1984 unha comisión do Parlamento italiano destapou a relación entre a Comisión e as actividades delitivas de loxia masónica Propaganda-Dous.
(Sempre hai rumores sobre contactos da Trilateral co ocultismo, a masonería, bruxería, maxia negra… Pero aí pisamos terreo pouco coñecido e é difícil opinar pero non me estrañaría que algúns dos membros da organización se viran a si mesmos como socios dunha irmandade. Non vos sorprendades: recordade que Bush di falar con Deus na Casa Branca).
Hoxe en día, os países da Trilateral, que representan o 10% da povoación mundial, acaparan o 80% dos recursos do planeta.
¿Quen son membros da Trilateral?
Atopan-se no Comité Executivo Nemesio Fernández Cuesta, director de Repsol-YPF e o avogado e financeiro Antonio Garrigues Walter. e pertencen ademais á Trilateral personaxes tales como a banqueira Ana Patricia Botín, presidenta executiva Banesto e membro da dirección do Grupo Santander; o empresario Alfonso Cortina, presidente de Inmobiliaria Colonial e da Fundación Repsol-YPF, Abel Matutes, presidente de Empresas Matutes e membro da Comisión Europea…
No entanto tamén hai sorpresas: figura na lista Trinidad Jiménez, responsábel de exteriores do PSOE. ¡Pois vaia coa ex candidata “socialista” ao Concello de Madrid! Mais non é a única, tamén se atopa o actual ministro de economía, Pedro Solbes. O que fora secretario xeral do PSOE e candidato á presidencia de governo, Joaquín Almunia, aparecía no listado de 2004.
Pola gran superpotencia, Estados Unidos, atopan-se uns auténticos pesos pesados da política e as finanzas: os citados David Rockefeller, fundador e presidente honorífico da Trilateral, e Zbigniew Brzezinski; Madeleine K. Albright, ex secretaria de Estado; Richard Perle, ex asistente da Secretaría de Defensa co governo de Bush fillo e un dos falcóns de Washington; George Tenet, ex director da CIA; o vicepresidente Dick Cheney, etc.
Non poden faltar nesta lista os creadores de opinión. Pertencen á Trilateral, entre outros, Francis Fukuyama e Mario Vargas Llosa; así que non os consideredes como simples portavoces do poder xa que participan del. (...)
Vendo o abultado número de personaxes influintes que se poden xuntar nunha reunión da Comisión Trilateral, unha asemblea do FMI case parece unha francachela. Que eses encontros pasen tan desapercibidos para que non xeneren noticias nin protestas fan que me replantexe o que dixen antes: tal vez si haxa que pensar que nos enfrontamos a unha asociación cuasi clandestina


Notas
[1] Un pouco de historia. A finais da Segunda Guerra Mundial, en 1944, na cidade estadounidense Bretton Woods reunieron-se 44 países. Alí asinaron-se os acordos que deron orixe ao BM e ao FMI e decidiu-se utilizar o dólar como moeda internacional. O bloque comunista participou na Conferencia pero non ratificou os acordos.
Co desenvolvemento dos convenios, crea-se en 1948 o Acordo Xeral de Aranceis e Comercio (GATT) que será substituída pola OMC, nacida en 1995.
[2] A outra gran organización contra a que se dirixiron toda clase de protestas é a OTAN, mais esta non é nada máis que o brazo armado destas cinco organizacións (e dos EE.UU., xa dixen que os Estados todavía teñen importancia).
No entanto, unha decisión da OMC pode ser muito máis mortífera que a máis sanguinaria das accións da Alianza Atlántica; no entanto, como revisten menos espectacularidade é más difícil combati-las no terreo da información.
[3] Estados Unidos, Rusia, Alemaña, Reino Unido, Franza, Xapón, Italia e Canadá.
[4]Brzezinsiki é unha das personalidades máis influintes dos EE.UU. dende hai décadas. Foi Conselleiro Nacional de Seguridade co governo de Carter.
Últimamente opuso-se á guerra contra Iraq, non por motivos humanitarios senón porque con máis astucia que outros políticos estadounidenses, advirtiu que a ocupacaión debilitaría a EE.UU.
[5] David Rockefeller, membro da famosa familia de banqueiros.
[6] Participaron naquela reunión, entre outros, os dirixentes das multinacionais: Bechtel, Caterpillar, Coca Cola, Cummins, Exon, Fiat, Gibbs, Hewlett-Packard, Mitsubishi, Nipón, Saint-Gobain, Shell, Sony, Steel Sumitono e Unilever; e os dos bancos: Chase Manhattan Bank, Rothschild e Lehmann.
[7] Entrevista no New York Times o 1 de agosto de 1976.
Kaos en la red / La Haine