En
relación ao acordo plenario sobre o Hospital da Escola Naval
No
último pleno do concello de Marín, celebrado o venres
14, aprobouse co apoio de todos os grupos a iniciativa dos independentes
de dirixirse ao Ministerio de Defensa para ver as posibilidades de cesión
do antigo hospital da Escola Naval, agora en reformas para facer unha
residencia de oficiais, para convertilo nun centro de saúde ou
centro de día.
O
Colectivo Nacionalista xunto con veciños e veciñas de
marín constiuíron a Plataforma Polo Uso Civil do Hospital
Militar liderando en 2004 a mesma iniciativa que agora se aprobou no
último pleno, chegando a recoller máis de 3000 asinaturas
nun prazo de dúas semanas que avalaban a petición da cesión
para o uso civil do hospital que daquela estaba infrautilizado. Como
resposta a esta iniciativa, e ás asinaturas que a avalaban obtivemos
tanto por parte do anterior goberno, do cal formaba parte Mar-In, como
pola oposición o pasotismo e o desprezo ao non interesarse nin
querer tan sequera reunirse cos/coas veciños/as que defendiamos
a proposta.
Dada
a situación de abandono por parte do concello e dos grupos políticos
que o conformaban, a plataforma optou por presentar a iniciativa en
cantos organismos fora necesario, así presentou as asinaturas
na delegación provincial de sanidade chegando a reunirse dúas
veces co responsábel de sanidade da provincia, primeiro coa delegada
do PP en abril do 2004 e co cambio de goberno na Xunta co novo delegado
en decembro de 2005. Debido á proximidade do concello de Bueu
tamén se mantivo unha reunión co alcalde da vila veciña
amosando este, aínda que só fora cousa de talante, un
interese que xamais percibimos en ningún/ningunha dos/as concelleiros/as
de Marín.
No
mes de decembro de 2005 o Colectivo Nacionalista recibiu como resposta
do Ministerio de Defensa a promesa de estudar a proposta que anteriormente
lle fora remitida mediante carta. Xusto un ano despois, en decembro
de 2006 coñecíamos que o Ministerio de Defensa non tiña
previsto ceder terreos ou edificios da súa titulariedade ao concello
e que ademais, como xa sabía o Colectivo Nacionalista, non tiñan
coñecemento de que o concello solicitara nada neste sentido.
Aínda
que semella un pouco tarde, xa que as obras para transformar o hospital
nunha residencia de oficiais xa comezaron e están algo avanzadas,
queremos amosar o noso apoio ao concello para levar adiante esta proposta,
emprazando ao alcalde a que dende o seu escano no parlamento do estado
presente unha proposición non de lei demandando do goberno do
estado o traspaso do hospital.
Por
último non podemos deixar de preguntarnos canto teríamos
avanzado se o sectarismo co que actúan os partidos lles deixara
ver un pouco máis aló dos seus egos e daquela apoiaran
a iniciativa levando o peso das xestións.
Marín,
17 de decembro de 2007.