| IN MARE
NOSTRA FORTUNA, Marin unha vila aberta ao Mar
“Abrir Marin ao mar” foi sempre o lema eleitoral máis utilizado por todas as forzas políticas habidas e por haber, pero desgraciadamente nunca foi feito realidade. O certo é que cada dia a nosa vila mariñeira parece máis de interior. Asistimos a unha série de propostas irracionais que acabarian de tapar o único buraquiño polo que podemos ver o noso mar. Uns e outros disputan quen foi o primeiro en propoñer esta barbárie. O BNG nestas últimas eleicións propuxo construir na zona portuaria unha grande área de ócio integrada por auditório, prazoleta e aparcamento subterráneo, á que se accederia por un paso elevado desde a Alameda duns 8 metros de longo (vaia paseo!). Deste xeito, efectivamente, o mar nen o cheirariamos. Tamén o PSOE falaba en maio do 2002 tras demoler a antiga nave de Vicente Suárez (ainda quedan moitas) da criación dun área de ócio e de aparcamentos. Foi máis alá o Sr. Portela na anterior lexislatura. En Abril do 2001 sorprendeunos apresentando o proxecto de construcción dun centro de ócio na praza de España. Estudo feito por unha empresa da Coruña. O mesmo pretendia realizar un edifício, tipo Vialia, de dous pisos cun aparcamento subterráneo. E asi conseguia tamén tapar-nos o mar. Os que temos memória podemos lembrar propostas similares como aquel proxecto que por unhas elecións municipais, princípios dos noventa, propuxera Esquerda Galega Todos falan de “Abrir Marin ao mar” e como solución prantexan tapar de diversas maneiras o pouco mar que temos. Mentras tanto os habitantes de Marin levamos anos mirando a agua desde os barrotes da xaula construida pola Autoridade Portuária. Eso si, taponarian o paseo que temos hoxe fronte á Alameda con instalacións privatizadas, quen senon vai xestionar eses auditórios, aparcamentos e áreas de ocio? Todo este debate está directamente relacionado co futuro auditório de Marin xa que hai propostas de face-lo neses terreos portuários. Futuro incerto polo que parece, grácias unha vez máis ao Partido Popular que lanzou unha maldición sobre a nosa vila. Pasara-lle o mesmo que ao Plan de Urbanismo? Acaso non sobra espácio en Marin para facer o auditório sen necesidade de destrozar o parque novo nen planta-lo diante da Alameda? Acaso hai que face-lo necesariamente no único sítio onde vemos o mar? Por que esa locura de ter que facer todo no centro, en lugar de esparcir e ir gañando espácios no extra-radio. A canteira da Laxe pode ser un lugar axeitado, como poden propoñer-se outros. O Colectivo Nacionalista considera que Marin necesita un auditório, necesita un acceso digno ao mar, necesita aparcamentos, un centro de saude. Todo isto pode levar-se adiante se hai vontade política, e se desde a Xunta hai vontade presopostária. O que é necesário e un pouco de sentido comun á hora de facer propostas e de executá-las, non nos vaia pasar coma sempre que perdimos a Villa Echegaray ou o Prioráto por ineficácia dos governantes de turno.
|