O Colectivo Nacionalista de Marín ven de presentar diante da Consellaría de Medio Ambiente as súas suxestión dentro da tramitación da Avaliación Ambiental do proxecto do PXOM de Marín.

Ao noso entender o Plano non segue os criterios nin a proposta metodolóxica que marca a Consellaría para a elaboración do Estudo de Impacto Ambiental e se limita á descrición dunha serie de espazos, dotacións e futuríbeis solucións aos impactos do proxecto sen concreción algunha. Non se fai unha análise do entorno e non hai unha definición de obxectivos e prioridades sobre os criterios marcados no procedemento de Avaliación. Carece dun plano de mobilidade, nin cartografía de risco de incendios forestais, nin mapa topográfico nin xeolóxico.
Ademais, o proceso de elaboración do PXOM incumpre a normativa legal, concretamente a Lei 9/2006, de 28 de abril sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no medio ambiente, ao non facer unha exposición pública previa do mesmo ante a elaboración do Documento Inicial.

É obrigado un prazo de trinta días para achegar consideracións e suxestións para garantir a participación pública dos afectados.
As propostas de actuación e cualificacións que se fan no PXOM que consideramos que deben ser modificadas, é así o solicitamos da Consellaría de Medio Ambiente son as seguintes:

As agresións aos ríos, coa invasión das súas canles sen respectar a marxes de protección que recolle a lexislación vixente, e os proxectos de canalizacións das desembocaduras dos ríos Loira e Lameiriña. Esta actuación só pretende incrementar a capacidade de urbanizacións das marxes e non vai supoñer solución aos problemas de desbordamento.

A cualificación de grandes superficies de interese agropecuario e solo rústico protexido, como Solo Urbano Non Consolidado ou Solo Urbanizábel Delimitado, só responde ao interese especulativo e á consecución de grandes zonas urbanizábeis para satisfacer un mercado de segundas vivendas que non vai estar ao alcance dos veciños e veciñas de Marín.

O crecemento descontrolado de vivendas e habitantes. O PXOM prevé para os próximos 15 anos unha capacidade máxima de 36.234 vivendas que triplica a capacidade residencial actual do concello, o que multiplicando por 3´5 habitantes de media por vivenda nos da unha capacidade máxima aproximada de 126.819 habitantes no futuro, 4 veces máis ca poboación actual, cando dende o ano 1981 con 26.103 habitantes residentes censados se pasou ós 26.013 de 2005, ou sexa en 15 anos, Marín só aumentou a súa poboación residente en 2.295 habitantes.

Os problemas de conexión das augas residuais ao saneamento municipal, así como da súa propia depuración, serán moito maiores xa que todo isto faise sen a previsión para garantir o abastecemento de auga, o tratamento dos residuos e o subministro de enerxía.
Espazo Natural Protexido Montes do Morrazo. Hai duas propostas de parques industriais que afectan ao espazo protexido dos Montes do Morrazo, recollidos nas normas urbanísticas Provinciais. Que como di no propio estudo de impacto ambiental: O gran espazo forestal de Marín, é unha parte fundamental dos Montes do Morrazo, catalogados como Espazo Natural nas NSCP da provincia de Pontevedra. Esta gran superficie é un factor bioxeográfico clave para a conservación de especies faunísticas.

A invasión da franxa costeira protexida. O Plano vai máis ala da lexislación vixente e pretende incumprir os 200 metros de protección do litoral, sendo esta actuación socialmente impresentábel. Con esta proposta queda ao descuberto, unha vez máis, o modelo especulativo de todo o texto do PXOM e a intención dos redactores de favorecer intereses particulares fronte aos do conxunto da sociedade.
A regulación das instalacións radioeléctricas e antenas de telefonía móbil. Non localiza as instalacións de radiocomunicacións nin estabelece unhas medidas correctoras axeitadas á incidencia deste tipo de instalacións.

As zonas verdes. No Plano aparecen recollidas dous montes entre a Porteliña e Castro cualificadas como Sistemas Xerais - Espazos libres de uso e dominio público. Para os redctores do PXOM estas son as zonas verdes. Esta cualificación é simplemente para cumprir os obxetivos que marca a lexislación vixente en canto a espazos e zonas verdes no planeamento, por este motivo estamos ante un intento de sortear a lei e así aumentar a capacidade de edificación e construción noutras zonas do concello.

Mobilidade e comunicacións. O PXOM carece dun plano de actuación sobre as comunicacións e a mobilidade no concello. A Consellaría de Medio Ambiente recolle a necesidade de analizar e planear a mobilidade inter e intramunicipal, o deseño de itinerarios peonís, medidas de calmado do tráfico e o deseño de itinerarios para as bicicletas.

En Marín parece que non temos necesidade de todas estas cousas e polo tanto non temos que promocionar o transporte público nin mellorar a comunicación dos núcleos e parroquias. Tan só aparece previsto un roteiro até Aguete para as bicis.
Por todas estas cousas solicitamos da Consellaría de Medio Ambiente que se proceda á Avaliación Negativa do actual proxecto de Estudo de Impacto Ambiental, e a elaboración inmediata dun novo, que cumpra realmente coa lexislación estipulada baseado nun crecemento sostible, compatibilizando o uso residencial e industrial coa protección do medio natural e cultural.

Tamén solicitamos que no novo PXOM sexan propostos o contorno do Lago Castiñeiras, o Outeiro de Campolongo e carballeiras de Pastoriza, e o Monte Castelo de Ardán como Espazos Naturais de Interese Local e as Brañas de Castiñeiras e as de Corno Pineda como Humidais Protexidos.

Marín, 5 de xuño de 2007.