O
documento de referencia para a Avaliación Ambiental Estratéxica
do PXOM de Marín recolle as suxestión do Colectivo Nacionalista
O pasado 27 de setembro a Consellaría de Medio Ambiente fixo público o Documento de Referencia para a Avaliación Ambiental Estratéxica do PXOM de Marín, no que se recolle o procedimento que debe seguir o Concello de Marín para realizar o proxecto de Avaliación Ambiental do PXOM, así como as variábeis que considera a consellaría que son afectadas e sobre as que se debe actuar para un desenvolvimento sustentábel. Este documento é público e pode ser consultado por todos os interesados na páxina web da Consellaría de Medio Ambiente, polo tanto os concelleiros da oposición non teñen que esperar a que o goberno municipal lles faga entrega dun documento que está ao alcance de todos. No mes de xuño, desde o Colectivo Nacionalista e outras entidades do Morrazo, presentamos ante a Consellaría de Medio Ambiente as nosas aportacións para este proxecto de avaliación ambiental. Incidimos en cuestións que agora veñen reflexadas no documento que se lle remite ao Concello, como son:
O texto elaborado pola Consellaría de Medio Ambiente incide en actuacións para favorecer a integridade paisaxística e a súa preservación, na identificación dos espazos que estean baixo figuras de protección (como son os Montes do Morrazo, afectados por varios polígonos industriais), a conservación e rexeneración dos sistemas naturais do litoral recuperando os xa degradados. Un punto importante no que se incide, e que nos xa solicitamos nas alegacións ao PXOM e nas aportacións a este documento, é en valorar as necesidades asistenciais, sociais, educativas e de ocio. Aspectos esquecidos totalmente no PXOM de Marín. A participación cidadán é unha das premisas fundamentais nas que se debe basear o proceso de Avaliación Ambiental Estratéxica do PXOM, así o pon de manifesto a lexislación e se incide especialmente no documento remitido pola Consellaría. A tramitación do PXOM careceu en todo momento dunha participación real da cidadanía xa que non se fixo unha exposición prévia á sua aprobación inicial, a exposición pública fixose sen ningún tipo de explicación ou argumentación por parte dos grupos da corporación municipal sobre as repercusións e pretensións do PXOM. Furtouse un debate social sobre o futuro desenvolvimento de Marín, quedando a súa elaboración en máns duns partidos políticos que fixeron un proxecto de xeito oscurantista e case clandestino e en función de intereses especulativos. Confiamos en que este proceso de Avaliación Ambiental non se convirta nun mero trámite e que se de a coñecer para que a poboación poida participar mediante as súas aportacións. Desde o Colectivo Nacionalista seguimos reiterando a nosa oposición a un PXOM que non responde aos intereses do pobo e está redactado para satisfacer os intereses especulativos duns poucos, aos que serven os partidos políticos con representación no Concello de Marín. Non hai esquerdas nin dereitas, á hora de verdade tanto PSOE, como BNG, como PP, coinciden en transformar o noso territorio nunha extensión de chalets adosados e urbanizacións de segundas residencias. Marín, 4 de outubro de 2007. |