Os nosos bosques somos nós, que non nos queimen

Unha vez rematado o verán podemos votar unha ollada atrás e comprobar como un ano máis son moitos os bosques que desaparecen por culpa dos lumes. Os bosques da nosa terra son unha das señas de identidade do pobo galego, que ao igual que as nosas costas e os nosos rios cada día ven-se máis afectados pola man do home.
Se coa catastrofe do Prestige se puido comprobar que o governo galego non estaba preparado para afrontar un problema de semellante magnitude, cos incendios forestais que ocorren cada verán demostra o pouco interese unha vez máis que ten en protexer o noso medio ambiente, sentindo-nos os cidadáns indefensos e impotentes ante este tipo de sucesos.
Os partidos na oposición, sempre mirando para eles mesmos e pensando na rendabilidade política que lle poden sacar aos problemas, enfrascaron-se nunha batalla dialectal co governo galego en vez de sentar-se e buscar solucións. O caso do PSOE é especialmente grave xa que mentres eles culpaban ao governo galego de irresponsábel, Andalucia governada polo PSOE tamén ardía polos 4 costados e alí o seu governo non tiña culpa de nada.
Se a media de incendios no estado é de un por cada 25 km2 na Galiza é de un por cada 2 km2 de superficie forestal supoñendo un 45% dos lumes totais do estado. Comparando estes datos cos do resto do planeta, Galiza situa-se como unha potencia mundial en incendios.
Ao contrario do que se podería pensar Galiza, é un dos territorios da UE onde hai unha maior inversión para combater os incendios; así dende o ano 1990 a Xunta leva gastado 591 millóns de euros, no entanto, os incendios seguen arrasando os nosos bosques, os meios materiais e técnicos son escasos e as condicións laborais dos traballadores son precarias ao igual que as instalacións nas que traballan. Entón o que cabe preguntar é onde están eses cartos.
Botar o lixo debaixo da alfombra é a política informativa da Xunta manipulando a información e ocultando a realidade do que está a acontecer, minimizando os danos e preocupando-se máis polo impacto mediático que polo impacto que o lume causa no noso contorno.
Para rematar cos incendios forestais é de vital importancia coñecer as causas que os provocan para poder elaborar as medidas preventivas a aplicar. Entre as causas máis importantes podemos citar as seguintes:
1. o abandono e xestión inadecuada dos nosos bosques, en parte favorecida polo abandono do medio rural por parte da poboación.
2. a mala utilización do lume para crear pastos e tarefas agro-forestais, así como para a persecución de especies causantes de danos en cultivos e gando.
3. a especulación madeireira, a política forestal tanto da Galiza coma do estado da prioridade a plantación de eucalipto, minimizando os custes e proporcionando materia prima barata ao lobby da celulosa e da fabricación de taboleiros. Milleiros de hectáreas queimadas serán repoboadas con esta arbore que é altamente inflamábel. Así canta máis superficie queimada máis eucaliptos se poden plantar, ¿a quen beneficia isto?
4. a economía dos incendios, xa que hai sectores que dependen económicamente da súa existencia creando así un circulo vicioso.
5. a falta de investigación das causas dos incendios provoca que os incendiarios actúen con total impunidade.
O efecto máis impactante que causan os lumes é o aspecto visual tan triste dun bosque queimado pero ademais dos efectos estéticos, hai outros tan ou máis importantes ca este como son a perda da biodiversidade da zona queimada, poñendo-se en perigo de extinción especies tanto animais como vexetais proprias da nosa terra. Tamén hai que reseñar como un efecto importante polas posteriores repercusións a erosión do solo, xa que en inverno provocan máis de un derrubamento ou corremento de terras coa chegada das choivas.
A pouca concienzación da xente, promovida en parte por un sistema capitalista que nos fai cada día máis individualistas, fai que aos poucos días do incendio só se acorden da zona queimada os que viven arredor, quedando os responsábeis políticos sen asumir ningunha culpa, co cal a situación volve repetir-se ano tras ano.
A sociedade non debe permanecer calada diante da pasividade do governo galego senón que ao mesmo tempo que reclama responsabilidades e medidas preventivas debe fomentar a participación social para elaborar estratexias nos ámbitos local e autonómico para luitar contra o lume.