Sobre a
proposta de polígono industrial na Brea.
Estes días
foi noticia o informe de Xestur sobre as posíbeis ubicacións
das zonas industrias e comercias en Marín, facendo fincapé
na proposta de polígono para a Brea.
Somos conscientes que estamos ante o que podemos denominar “fume
eleitoral” que tanto o PSOE como o BNG tentan vender como éxito
dunha xestión inexistente, como así se evidenciou ao presentar
a Consellaría do ramo as súas previsións para o
Morrazo deixando fora a Marín.
Ainda que estamos ante unha nova promesa temos que valorar de xeito
negativo a proposta de polígono para a Brea pola gran incidencia
que podería ter nunha zona calificada rustica de protección
agropecuaria polo propio Ministerio de Agricultura como así se
recolle no proxecto de PXOM. Incidencia ambiental e habitacional.
Habitacional por que afecta a un número importante
de persoas que viven na Brea e que van pasar a ter as súas casas
ao lado dun polígono industrial cos perxuizos que iso supón
de ruidos, aumento do tráfico, contaminación, etc., así
como unha perda económica considerábel do valor das suas
vivendas.
Ambiental xa que estamos nunha zona moi sensíbel
xa que se pretende que o río Loira cruce polo medio do polígono,
coa correspondente e casi segura posibilidade de vertidos que afectarían
ao río e á praia.
Hai que lembrar que no informe da Consellaría de Medio Ambiente
sobre o PXOM de Marín tamén se recolle a conca do Loira
como unha zona ambiental catalogada de gran valor ambiental e paisaxístico.
E no mesmo PXOM di nun dos seus apartados :
Promover o espazo fluvial como corredor natural e reserva de biodiversidade:
O río Loira contémplase como un amplo corredor natural
que comunica as principais paisaxes naturais do municipio, o espazo
forestal, o agrario e o litoral.
As recentes actuacións do concello de Marín coa atitude
cómplice de Augas de Galicia, e concretamente desde a concellaría
de Medio Ambiente, actuando salvaxemente no río Lameiriña
deixan ben as claras a pouca preocupación que teñen polo
medio e polos nosos ríos. Esta é unha máis da causas
de preocupación á hora de colocar o polígono na
Brea, xa que unhas administracións permisivas como as que temos
van mirar para outro lado ante as agresións ao Loira.
Antes de facer unha nova actuación tan contundente consideramos
necesario que se tiveran en contas as recomendacións que fixo
a Consellaría de Medio Ambiente no seu informe sobre o PXOM.
Non é que este administración se caracteríce pola
súa preocupación polo medio, como xa ten demostrado anteriormente
en Marín, pero este informe aínda que sexa de cara á
galería fai unha recomendacións positivas.
- Contribuír
a un entorno saudable, considerar a saúde dos habitantes á
hora de clasificar o solo e emprazar as diferentes actividades, fomentar
a participación cidadá na toma de decisións no
Concello, favorecer a participación nos procesos de planificación
urbanística e toma de decisións que máis afectan
á cidadanía, contemplando a formación previa básica
para unha mellor compresión da dinámica e finalidade dos
procesos nos que participen.
Se o que
se pretende e conservar o medio e utilizalo como reclamo turísitico
non se pode instalar na zona máis turística de Marín,
como é Seixo, un polígono industrial que vai incidir
negativamente na paisaxe e no río Loira. Antes de levar adiante
esta iniciativa pedimos aos nosos gobernantes unha maior reflexión
sobre os pros e os contras, e que se teña en conta á
opinión da cidadanía. Non se pode ubicar un polígono
por capricho ou polos intereses de determinada organización
política que como é público e notorio está
sendo a principal promotora desta iniciativa.
Marín,
27 de febreiro de 2008.
|