| Unha
nova construción ilegal en Ardán.
Colocouse a semán pasada unha casa prefabricada nunha zona onde non se pode construir e facendo unha tala de árbores non permitida, sendo estes feitos denunciados polos veciños no Concello e na Consellaría de Medio Ambiente. Pero o que desde o Colectivo Nacionalista queremos denunciar públicamente é a pasividade das autoridade municipais, xa que a posibilidade de que acontecera esta situación xa fora advertida con tempo cando se iniciaron os traballos de preparación do terreo, xunto coa tala das árbores, para instalar a vivenda prefabricada. Polo tanto, entendemos que non se tomaron as medidas oportunas para evitar unha nova ilegalidade urbanística. Máis lamentábel foi o feito de non atender os avisos da veciñanza á policia local cando estaban trasladando a casa, xa que os axentes non poden facer nada por impedir unha acción ilegal sen a orde directa dos responsábeis políticos, que nese momento estaban “desaparecidos”. Agora que? Estamos ante unha política de feitos consumados onde cada quen pode facer o que lle peta se ten moitos cartos para meterse en pleitos, e que rematará no esquecemento provocado pola lentra tramitación dun expediente urbanístico. Esta nova actuación ilegal ven sumarse a unha serie de feitos de natureza similar na parroquia de Ardán: tentativa de colocación ilegal dunha antena de telefonía móbil, construción dun muro sen licencia na Illa do Santo (outorgada con carácter retroactivo non sabemos ainda moi ben por que) ou a construción de muros ocupando camiños públicos. É obriga das distintas administracións velar porque se manteña a legalidade en materia urbanistica, que se eviten actuacións que afecten de xeito negativo ao medio ambiente, preservando sobre todo as zonas clasificadas urbanisiticamente como "Zona Forestal", tal e como se recolle na normativa urbanística vixente. Demandamos que se aplique a lei e se sancione a persoa responsable deste feito e se lle obrigue a recuperación e reposicion do monte o seu estado orixinal, demandamos contundencia e rapidez na retirada desta casa portátil, e demandamos que os responsábeis do urbanismo no concello de Marín se tomen en serio a protección da legalidade. E por último, queremos aproveitar para sumarnos á denuncia dos veciños pola aberración e o grave atentado ecolóxico que cometeu o concello de Marín no río Lameiriña. Instalar na canle do río o alcantarillado non ten xustificación, e non vale botarlle as culpas ao anterior goberno do PP. Ademáis, gostarianos saber se o Concello ten permiso de Augas de Galiza para realizar esta obra. Non podemos facer outra cousa que pedir a demisión de Pilar Blanco, a concelleira de Medio Ambiente, xa que este tipo de actuacións demostran que ten unha nula sensibilidade hacia o que debe defender, o medio ambiente. Marín,
23 de outubro de 2007. |