Celulosas:
O noso Prestige de cada dia
Cando se cumpriron recentemente 7 meses do início da catástrofe ecolóxica máis grave sucedida na história, outra catástrofe ecolóxica de menor categoria, pero non menos importante, está a ponto de consolidar-se na nosa ria. O PP confirma-se coma o partido no poder con máis vocación anti-ecoloxista. A desaparición dos derradeiros urogalos nos Ancares, a mala xestión da catástrofe do Prestige, os novos encoros nos nosos rios; a todo isto hai que engadir-lle agora a decisión de costruir a fábrica de papel no complexo de Celulosas, consolidando asi o noso Prestige de cada dia, e de por vida. A instalación desta fábrica no complexo actual suporia un enorme paso atrás na luita levada a cabo por milleiros de cidadáns da ria para eliminar a principal fonte de contaminación do noso entorno. A candidata á alcaldia de Marin, e agora presidenta da Autoridade Portuária, durante a campaña eleitoral dicia que sacar Celulosas de onde está era utópico, pero a esta afirmación hai que respostar-lle que se para algo serven as utopias e para avanzar, e que andando demostra-se o movimente, e neste sentido o PP declara-se imobilista e contra da opinión da maioria dos cidadáns da ria. O Colectivo Nacionalista non está contra a finalización do ciclo produtivo coa instalación dunha fábrica de papel, que criaria postos de traballo, xa que é algo que se ven reclamando dende hai moitos anos. O que non queremos é que esta instalación se faga onde está na actualidade Celulosas, queremos que se traslade todo o complexo e ali se complete o ciclo, queremos que a nosa Ria teña un novo futuro baseado en actividades productivas máis ecolóxicas como o turismo, o marisqueo ou a pesca. Por todo isto reclamamos da actual corporación do Concello de Marin que se pronuncie contra as intencións da Xunta de Galiza de autorizar a instalación da fábrica de papel na actual ubicación do complexo Ence-Elnosa, e que se dirixan ao resto dos concellos ribeireños para presionar conxuntamente á Xunta e manifestar o desacordo dos cidadáns á consolidación dun complexo industrial que está matando a nosa ria.
|