O Colectivo Nacionalista de Marin apoia a movilización polo Hospital Único

Desde o Colectivo Nacionalista queremos manifestar o noso apoio a Movilización que diversos colectivos sociais van convocar para reivindicar a construcción do Hospital Único en Pontevedra. O concello de Marin está integrado na Área Sanitaria Norte da provincia de Pontevedra, polo que temos que padecer a penosa situación de saturación e falta de medios humanos en que se atopan o Hospital Montecelo e o Provincial.

A esta situación temos que engadirlle a división da Atención Primaria na nosa vila en dous centros separados fisicamente, mentras esperamos ao tan prometido novo centro de saude que non dan feito nin o goberno local nin o autonómico despois de moitos anos de espera.

Cada certo tempo, e estes dias tivemos que padecelo, asistimos ao lamentábel espectáculo da saturación das admisións e á imaxe das camas polos pasillos. É necesario un toque de atención aos nosos gobernantes para que se tomen en serio e poñan os cartos que garantan unha atención sanitaria digna. A cidadanía ten que facer un chamamento contundente e movilizarse para que se fixen xa os prazos máis curtos posíbeis de execución do Hospital Único e non se quede só en mera propaganda eleitoral.

Temos que sumarnos ás voces que denuncian que esta situación está provocada por todos os partidos políticos que tiveron e teñen responsabilidades de goberno. Os de antes, o Partido Popular que se adicou a desmantelar os servizos públicos e desviar os orzamentos aos centros privados, e os de agora, PSOE e BNG, que non están dando mostras de facer nada por cambiar esta política. O cambio de goberno non trouxo o cambio das políticas nin o incremento necesario para potenciar a sanidade pública.

A asitencia sanitária hospitalaria na Área Norte da provincia de Pontevedra caracterizase, despois de moitos anos de deixadez, pola saturación e o conseguinte desvio de pacientes aos centros privados. Polas longas listas de espera que crean unha incertidume entre os enfermos por saber cando van ser atendidos. Pola falla de medios materiais e humanos. Todo isto consecuencia da descapitalización e o desvio do investimento público hacia intereses privados.

A proposta feita polo Presidente da Xunta o pasado mes de decembro é virtual, un Hospital Único para o 2013 sen financiación nin prazos pero con moitos medios propagandisticos para convencer á opinión pública de que van facer o tan prometido hospital. Xa estamos acostumados a este tipo de anuncios previos a un proceso eleitoral que son esquecidos o día seguinte ás eleicións.

Un sistema sanitario moderno e eficaz é fundamental para garantir a calidade de vida dos cidadáns, polo tanto é necesario defender un sistema sanitario público con medios, eficaz na xestión e coa dotación de persoal. Isto consiguese mellorando a Atención Primaria que se presta nos centros de saude, o que evita un desvio de pacientes hacia as urxencias hospitalarias. Lamentabelmente en Marín este servizo está dividido en dous centros masificados e que non contan co instrumental imprescindíbel para realizar tarefas que permitan liberar a presión sobre os hospitais.

Para cando o novo centro de saude en Marín? Se non hai partidas concretas nos orzamentos da Xunta moito nos tememos que se quede esquecido co auditorio ou as vivendas sociais prometidas. Os xestores da administración autonómica e municipal xa non teñen credibilidade para o noso pobo e so dan mostras da sua incapacidade para traer ao noso concello nin a máis mínima inversión. Nin tan siquer son capaces de dar contestación ou estudar propostas en positivo como a demanda do uso civil do Hospital da Escola Naval.

Facemos un chamamento á cidadanía a que participe na movilización que se está preparando para poñer de manifesto que non estamos dispostos a permitir que continue esta situación de deterioro da asistencia sanitaria.

Marín, 16 de xaneiro de 2006