Escrito presentado no concello
solicitando a implantación de medidas de reciclaxe e recollida
de residuos
Un
dos principais problemas que teñen que enfrontar as sociedades
modernas é o tratamento dos residuos sólidos, e máis
concretamente os concellos teñen a obriga e, polo tanto o gasto,
de xestionar a súa eliminación.
A privatización do servizo e a inclusión en Sogama provoca
que os custes para a administración local en Marín, e
para os cidadáns no pago dos seus recibos, sexan elevados, polo
tanto fanse necesarias alternativas que fagan este proceso económico
e ecolóxico mediante a reutilización, a redución
e a reciclaxe do lixo.
Unha
medida que se está extendendo en moitos concellos é a
implantación de composteiros individuais para a realización
do compost dun xeito individual, fundamentalmente en zonas rurais.
A implantación da compostaxe individual é viábel
para a produción de compost destinado a hortas ou xardíns,
fomentando ao mesmo tempo prácticas tradicionais que pouco a
pouco se foron perdendo coa modernidade do contentor ao lado da casa.
Este tipo de medidas debe ir acompañada dunha campaña
de sensibilización e coñecemento do sistema, así
como dos seus beneficios individuais e para o conxunto da sociedade.
Beneficios ecolóxicos e tamén económicos, xa que
unha implantación axeitada supón a redución do
volume de lixo a tratar e a enviar a planta incineradora de Sogama.
Outra das necesidades urxentes que debe solucionar a administración
local é o tratamento correcto dos aceites domésticos que
hoxe van polo vertedoiro xa que carecemos dun sistema de recollida e
traslado dos mesmos.
O
aceite usado é un residuo que provoca a obstrución de
cañerías e serve de alimento aos ratos, sendo ademais
un factor de encarecemento da depuración das augas residuais.
Faise necesaria unha actuación destinada a facer as nosas casas
un pouco máis ecolóxicas.
Hai métodos e sistemas de recollida e recuperación dos
aceites que se están implantando con éxito, como por exemplo
no concello de Mondragón mediante un sistema desenvolto por estudantes
universitarios, que consiste na instalación de contentores onde
depositar estas sustancias que devolven un novo envase para acumular
os aceites na casa.
Conséguese
desta forma reducir a contaminación e tamén aproveitar
estes aceites para a elaboración do biodiesel sen ter que recorrer
a especies vexetais para o consumo humano, podendo xerarse un beneficio
coa venda do produto recollido.
Estas dúas actuacións teñen que desenvolverse cunha
campaña publicitaria das medidas e dos procesos a seguir, tanto
na recollida de aceites como da elaboración do compost. Trátase
de acadar a implicación da cidadanía e incrementar a sensibilidade
desta cara a conservación do medio ambiente.
É
por todo isto polo que SOLICITAMOS:
1.
Que se desenvolva por parte do Concello de Marín un plano para
implantar a compostaxe individual, fundamentalmente no medio rural.
2. Que se estude e se implante un sistema de recollida dos aceites
domésticos usados.
3. Que estas actuacións conleven as correspondentes campañas
informativas para garantir o éxito das mesmas e unha maior
concienciación dos cidadáns na conservación do
medio ambiente.
Marín,
3 de agosto de 2007.