Escrito apresentado no Concello solicitando un posicionamento do Pleno diante da instalación dunha fábrica de papel

A pretensión de instalación dunha fábrica de papel no actual complexo industrial Ence-Elnosa vaino consolidar na sua actual ubicación. A mesma é considerada perxudicial por gran parte da povoación polas graves repercusións medioambientais que provocan estas fábricas. A isto temos que engadir-lle a repercusión económica en actividades con posibilidades de desenvolvimento como o turismo, a pesca ou o marisqueo, asi como o deterioro dos nosos montes cun monocultivo de eucaliptos.

O decisión da Xunta de Galiza de considerar de interese supramunicipal este proxecto ven dar-lle o pulo necesário, pasando por alto a demanda social de nova ubicación para este complexo industrial.

Ao noso entender antes de proceder á instalación desta fábrica, e polo tanto á consolidación desta industria, seria necesário un consenso institucional e social sobre os benefícios ou prexuizos que este feito causaria ao noso entorno. Despois de tantos anos de soportar a contaminación e os fedores que degradan o noso meioambiente e cortan calquer posibilidade de desenvolvimento económico alternativo está claro que colocar “Celulosas” onde está foi un grave erro que debe ser correxido.

Os cidadáns non estámos contra a finalización do ciclo produtivo coa instalación dunha fábrica de papel, que criaria postos de traballo, xa que é algo que tamén se ven reclamando dende hai moitos anos. O que non queremos é que esta instalación se faga onde está na actualidade o complexo, queremos que se traslade e ali onde se instale se complete o ciclo. Queremos que a nosa Ria teña un novo futuro baseado en actividades productivas máis ecolóxicas como o turismo, o marisqueo ou a pesca. É posíbel un desenvolvimento sostíbel coa utilización racional dos recursos naturais que temos á nosa disposición.


Por todo isto é polo que solicitamos


Que a corporación municipal do Concello de Marin se pronuncie contra as intencións da Xunta de Galiza de autorizar a instalación da fábrica de papel na actual ubicación do complexo Ence-Elnosa, e que se dirixan ao resto dos concellos ribeireños para presionar conxuntamente á Xunta e manifestar o desacordo dos cidadáns á consolidación dun complexo industrial que está danando o ecosistema da nosa ria.

Marin, 29 de Xullo de 2003.


ILMO. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE MARIN