AOS MEIOS DE COMUNICACIÓN

O Colectivo Nacionalista manifesta a sua oposición ás descargas de explosivos no Porto de Marin


Desde o Colectivo Nacionalista queremos manifestar a nosa preocupación e a nosa máis
rotunda oposición a posíbel descarga de explosivos no Porto de Marin. Consideramos que dada a sua situación, integrado case nos casco urbano, non fai destas instalacións as máis axeitadas para a realización dun transito de mercanciás tan perigosas como estas.

Non é casual que representantes da empresa Unión Española de Explosivos mantiveran unha xuntanza co Delegado do Governo. Son claramente os primeiros pasos "diplomáticos" para comezar a sua actividade no Porto de Marin.

Consideramos que un porto tan "urbano" e rodeado dun número importante de povoación non é a localización idonea. Ademáis, son os próprios traballadores do Porto os que están denunciando a situación de precariedade das instalacións e da situación en que teñen que realizar o seu traballo, o que non é moi esperanzador en canto ás posíbeis medidas de seguranza para calquer actividade, e menos para descargar explosivos.

Demandamos que por parte das administracións implicadas que den explicacións claras á opinión pública sobre estas actividades, que non xoguen á desinformación cos cidadáns sobre concesións que non se exercen pero que se poden exercer.

Para o Colectivo Nacionalista esta situación ven motivada polo potenciación que se está dando desde a Autoridade Portuária do transporte e descarga de mercancias, ainda que sexan perigosas, en detrimento dunha actividade tan importante, e tan nosa, como a pesca. Recentemente representantes do sector pesqueiro manifestaban o seu malestar polo trato discriminatório que reciben por parte da administración do porto, o que está motivando o traslado da actividade a outros portos.

O Concello de Marin deberia manifestar a sua total oposición a este tipo de actividades tan perigosas. O Sr. Alcalde, como membro do consello de administración do porto, ten a obriga de facer valer os intereses e a seguridade dos cidadáns fronte aos intereses económicos dunha empresa. Desde a Corporación Municipal tamén deberian preocupar-se un pouco máis sobre o futuro do noso porto e os problemas que ten a actividade pesqueira, motor da nosa economia, e non so de que nome lle poñemos.

Marin, 16 de setembro de 2004.