Non
hai peor xordo que o que non quere oir.
A comezos de ano
o Colectivo Nacionalista remitiu-lle unha petición á Autoridade
Portuaria de Marin, expoñendo os nosos argumentos para que tanto
a rotulación do porto e a comunicación tanto interna coma
externa se fixera en galego.
A resposta que recibimos non foi a esperada, posto que coa excusa de
pertencer á Admón. Xeral do Estado a presidenta da Autoridade
Portuaria negou-se a facelo. Isto non fixo que o Colectivo Nacionalista
deixara de insistir, e inmediatamente volvemos remitir outra petición
con máis e novos argumentos. Aínda non nos respostaron,
pero segundo se pode ver no porto, non fan ningún da nosa petición.
Agora non só está a rotulación externa do porto
en castelan obviando o galego senón que tamén toda a nova
sinalización está no mesmo idioma, deixando ao galego
en fora de xogo.
O galego non é como se di unha lingua minoritaria, senón
que é unha lingua minorizada polo maltrato que recibe dos estamentos
sociais, institucións públicas e meios de comunicación
que en vez de respeitar o que din as leis fomentando o uso do galego
en todos os planos da vida publica, cultural e informativa, desprezan
o seu uso deixando en fora de xogo a milleiros de galegofalantes.
Cando estamos a ver últimamente os pasos que esta dando o governo
do estado para o recoñecimento oficial na UE do Galego, Euskera
e catalán, os seus compañeiros de partido en Marin a pesar
da petición remitida ao concello polo noso colectivo, non fai
nada para cambiar esta situación, a pesares de estar incluidos
no consello da Autoridade Portuaria, o que nos leva a pensar nunha actitude
hipócrita por parte do PSOE, que cara fora fai unha cousa e logo
dentro fai outra.
O presidente da Xunta de Galiza, o dinosaurio Fraga dixo recentemente
que a Europa parecería a torre de Babel de chegar a recoñecer-se
oficialmente o galego na UE. Xa dicía Castelao no seu "Sempre
en Galiza" que a torre de Babel non fora ningún castigo
senón todo o contrario xa que a variedade de culturas, linguas,
de modos de viver e pensar son xeitos de superación para crear
civilizacións cada vez mellores e que os burros aínda
seguen a falar o idioma universal.
Dende o Colectivo Nacionalista de Marin pedimos e seguiremos a pedir
que o galego como lingua da nosa terra sexa respeitada e que polo tanto
sexa usada por todas as administracións publicas na Galiza sen
ningún tipo de discriminación con respeito ao castelán.