Os recursos públicos ao servizo de todos

Demandamos a integración do Hospital da Escola Naval de Marin na rede asistencial do Sergas

A Asociación do Defensor do Paciente fixo público un informe o pasado 25 de Xullo no que se analisaba a situación da asisténcia sanitária pública no estado español. No mesmo indicaba-se a saturación das urxéncias nos hospitais con estáncias de pacientes nos pasillos durante dias; 400.000 pacientes en listas de espera para intervencións cirúrxicas.

É unha realidade próxima e coñecida polos usuários da sanidade. Cada certo tempo nos meios de comunicacións se fai referéncia á masificación dos servizos de urxéncia do Hospital Montecelo ou do Provincial, concretamente onte houbo unha protesta dos traballadores deste servizo por este motivo. Cada verán fechan salas e retiran camas por non ter persoal para atender aos pacientes. E asi un longo etcetera de problemas debidos á redución da inversión en saude e aos procesos de privatización encubertas que se dan na sanidade.

A sanidade é un dos servizos públicos fundamentais para garantir a calidade de vida dos cidadáns. Nos últimos tempos estamos asistindo a un deterioro planificado desde a administración para conquerir dous obxetivos. O primeiro, reducir as inversións públicas para acadar o déficit cero que tanto gosta a este governo. O segundo, xustificar as privatizacións en base ao deterioro do sector público. Estes obxetivos non teñen como finalidade beneficiarnos a todos nos, so pretenden que as grandes empresas sigan medrando a costa nosa e dos nosos impostos.

Mentras todo isto acontece en Marin hai un Hospital infrautilizado, o da Escola Naval Militar. Reiteradas propostas se fixeron para integrar este edifício na rede de atención do Sergas. Consideramos que é o momento de facer unha nova petición para que estas instalacións públicas sexan realmente rendabilizadas e utilizadas.

Non se pode entender que mentras os hospitais de Pontevedra están saturados teñamos un infrautilizado. Este hospital pode dar perfectamente servizo aos concellos de Marin e Bueu, adicando-se a urxéncias, materno-infantil, ou ao que se considere máis oportuno e necesário por parte dos responsábeis sanitários.

Desde o Colectivo Nacionalista solicitamos da Conselleria de Sanidade que inicie as xestións necesárias co Ministério de Defensa para que o Hospital da Escola Naval Militar de Marin se integre na rede asistencial do Sergas. Ademais, tamén nos diriximos por escrito aos concellos de Marin e Bueu para que apoien esta petición.

Se hai vontade política poderia producir-se facilmente a integración xa que se trata do traspaso dun organismo público a outro. Trataria-se dunha actuación de sentido comun para aproveitar algo que xa é de todos nos.


Marin, 4 de febreiro de 2004.