|
O hospital militar da Escola Naval para uso civil Desde o Colectivo Nacionalista queremos demandar, unha vez máis, o uso público do Hospital da Escola Naval. Estase convertindo nunha práctica habitual a cesión ou colaboración entre as distintas administracións responsábeis da sanidade e defensa para a posta a disposición dos cidadáns das instalacións sanitárias dependentes do ministerio. Recentemente a Conselleira de Sanidade anunciaba a sinatura do convenio coa Armada para a utilización conxunta do Hospital Militar de Ferrol. Mentras en Marin contamos cunhas instalacións ás que non se lle está dando nengun uso coñecido e que poderian servir para paliar o deficit sanitário da área norte da provincia de Pontevedra. En febreiro do ano pasado xa nos diriximos á conselleria de sanidade e ao concello de Marin demandando que se iniciaran as xestións entre as administracións implicadas para darlle un uso civil ao hospital da Escola Naval e a sua utilización por parte do Sergas. A Plataforma polo uso civil do hospital entregou máis de 3000 sinaturas de cidadáns de Marin e Bueu na delegación de sanidade e nos distintos concellos, quedando ben explicito o apoio popular a esta demanda. En outubro do 2005 a situación de infrautilización das instalacións é a mesma que en febreiro do 2004, polo que entendemos que é necesário recuperar a reivindicación cidadán e demandar a integración do hospital militar na rede asistencial do Sergas. As infraestruturas públicas teñen que ter un tratamento integral independentemente de que dependan dunha administración ou doutra. As nosas peticións están avaladas pola práctica O pasado mes de setembro a Conselleira de Sanidade, nunha visita ao Hospital Militar de Ferrol, manifestou que o convenio entre a Xunta e o Ministerio de Defensa para o uso público por parte do Sergas das instalacións do hospital seria asinado no mes de novembro. No convénio recollerase a utilizacións das instalacións e a atención por parte dos médicos que xa prestan os seus servizos aos pacientes das especialidades de ciruxia, uroloxia, etc. Os ferroláns, e a sua área de influencia, pasaran a contar cunha das unidades de cuidados intensivos (UCI) máis grandes do estado español. A conselleira recoñeceu que as infraestruturas non se empregaran de xeito óptimo, e que a vontade de coordinación entre a Xunta e a Armada subsanaria este déficit. Queda claro que cando as adminstracións se implican é posíbel entenderse e utilizar as infraestruturas públicas ao servizo dos cidadáns como xa ven acontecendo noutras comunidades autónomas. O Ministro de Defensa en contestación a unha interpelación no congreso sobre o Hospital Militar Gómez Ulla (boletin do congreso do 23/6/04) dixo que os hospitais militares serian ofrecidos en todo o estado español ás comunidades autónomas. Asi
temos exemplos en Castilla León co Hospital Militar de Burgos,
en Madrid co Hospital M. Gómez Ulla, o Instituto Nacional de Gestión
Sanitária en Melilla co hospital militar da cidade, en Valéncia
co Hospital Militar de Valéncia e a Junta de Andalucia chegou a
acordos con defensa nos hospitais militares de Sevilla e San Fernando. Informacións aparecidas recentemente en diversos medios de comunicación sobre a situación sanitária na provincia de Pontevedra, e concretamente a Área Norte na que está incluida Marin, poñen de manifesto o deficiente nível de equipamentos e instalacións. Pontevedra situase en 3,21 camas por cada 1000 habitantes cando a media estatal está en e 3,59 e a Organización Mundial da Saude recomente entre 8 e 10 camas. A isto temos que engadirlle que só o 70% da oferte corresponde á sanidade pública, estando cuberto outro 30% por empresas privadas. Estimase que farian falla unhas 300 camas para achegarse á media estatal. Os dados demostran claramente o estado da sanidade en Pontevedra, saturación polo deficit de camas, listas de espera en consultas e operacións e desvio de pacientes a centro privados. Hoxe a traumatoloxia é atendida case integramente nun centro privado da cidade de Pontevedra. A solución que se propón desde a administración autonómica pasa pola posta en marcha do plano sectorial e a 4ª fase do Chop, que ainda está sen adxudicar e polo tanto non haberia novo edifício até o ano 2007. Hoxe as posibilidades de entendimento entre os distintos governos implicados son maiores xa que tanto en Madrid, Santiago como Marin son da mesma cor política. Se, ademáis, por parte do Ministerio de Defensa se manifestou a disposición a ceder o uso das suas instalacións é máis factíbel que nunca o que demandamos. Esperamos que o cambio de governo na Xunta implique outro talente á hora de atender as peticións veciñais, moito máis cando a atención sanitaria é un dos pilares nos que se debe sustentar un governo denominado progresista. Desde o Colectivo Nacionalista imos dirixirnos ás administracións implicadas para solicitar que se lle de uso ao hospital da Escola Naval e se integre na rede asistencial do Sergas co finde paliar o deficit asistencial da area norte da provincia de Pontevedra. Marin, 17 de outubro de 2005 |