O Colectivo Nacionalista solicita da Conselleria de Cultura que “fiscalice” as obras na Illa do Santo.

O CN apresentou un escrito dirixido ao Delegado Provincial da Conselleria de Cultura para que exerza as suas competéncias en defensa do património histórico e fiscalice a licéncia de obra concedida polo concello de Marin para facer un muro de contención na Illa do Santo.

Consideramos que é deber das institucións velar polo cumprimento da legalidade e pola conservación do património histórico e arqueolóxico da nosa vila, polo que demandamos unha actuación preventiva para que no futuro non teñamos que lamentarnos dunha nova perda irraparábel.

Detrás de cada obra que se fai na costa case sempre hai intereses de tipo particular que pretenden apropiar-se e disfrutar dun xeito irregular do noso litoral. Exemplo temos abondo no noso concello de obras paralizadas que continuan realizando-se.

Lamentábelmente, todas estas situacións anómalas teñen ás distintas administracións  como cómplices por omisión do seu deber á hora de exercer un verdadeiro control sobre as obras que se realizan en Marin. Por parte do concello vemos deixadez en matéria urbanística, e exemplos temos como o Camiño da Dichosa, o pátio do coléxio de Calvo Sotelo, os chalets en Aguete, etc. Por parte da Xunta de Galiza, e concretamente a Conselleria de Cultura, vemos como consinten a desfeita de petroglifos nas obras da circunvalación ou as agresións ao Castro da Suvidá por parte de Fenonsa.

Desde o CN tan só pedimos das administracións que se cumpla a legalidade vixente en matéria urbanistica e de protección do património, pois en Marin xa perdimos parte do noso pasado.

Marin, 26 de xaneiro de 2005.