|
INTERNET NA BIBLIOTECA, UN SERVIZO IMPOSÍBEL
Na páxina web do concello de Marín, e con data do 25 de setembro do 2007, anúnciase que a biblioteca municipal de Marín vai ser a sede do "primeiro telecentro público de comunicación" da comarca do Morrazo. Que contará con vinte ordenadores a disposición do público, e contará con equipa de proxección e son… Para todo isto estaban destinados 130.000 euros, e o prazo de remate das obras era finais do 2007. Con motivo das obras deste telecentro anulouse a conexión a internet que tiñan os catro ordenadores da biblioteca e que prestaban este servizo. A promesa era que se restituiría o acceso coa entrada en funcionamento do telecentro. Estamos rematando o primeiro mes do ano 2008, xa pasaron máis de cinco meses e acceder a internet segue sendo imposíbel na biblioteca, cando as obras xa tiñan que estar rematadas. Non se entende que se vaian gastar 130.000 euros e non se poida manter ou instalar unha nova conexión a internet que dea servizo aos poucos ordenadores que ten a biblioteca. Todos sabemos canto vale unha conexión adsl, un router, etc., polo que deixar sen servizo a bibliteca demostra unha falla de previsión e unha desconsideración cara os usuarios da mesma. Co que cobran nunha comisión de goberno no concello de Marín poden pagar a conexión durante todo un ano e incluso mercar algún ordenador máis, pois só catro dan un pouco de pena e unha imaxe un tanto patética para unha vila con máis de 25.000 habitantes. Estamos ante unha equipa de goberno que non é capaz de solventar nin os máis mínimos problemas que temos en Marin, nin tan sequera dotar unha biblioteca con internet, que podemos agardar dos grandes problemas que temos, non van ter solución. Nin novo centro de saúde, nin auditorio, nin pxom, nada. Demandamos unha solución xa! Marín, 24 de xaneiro de 2007. |