O Colectivo Nacionalista de Marin amosa a sua solidariedade
coas reivindicacións das mariscadores e reclama o saneamento da
Ria.
Dende hai varias
semanas as mariscadoras que faenan na praia de Lourizan, moitas delas
veciñas de Marin, están mobilizándose diante de diversas
institucións para protestar polo cambio de clasificación
da praia a zona de tipo C. Esta decisión, tomada pola Xunta de
Galiza, perxudica moito á súa economía, xa que as
estraccións ao non poder pasar pola lonxa van directamente a cocedoiros
o que conleva unha baixada de prezos dificil de soportar por parte das
mariscadoras.
O Colectivo Nacionalista non quere entrar na polémica de se están
ben feitas ou non as análises que serviron para o cambio de clasificación,
mais en todo caso o que si que non é casual é a situación
de contaminación da ría, pois á estadía durante
case 50 anos do complexo Ence-Elnosa, hai que lle sumar a presencia do
porto de Marin que cos seus continuos recheos está a cambiar a
dinámica das mareas ademais de botar as súas augas residuais
á ría en moitos casos sen depurar. A todo isto hai que engadirlle
a instalación dunha estación depuradora preto do banco marisqueiro
que debido ao seu ineficaz tratamento dos residuos verte as augas sen
depurar.
Da actividade do marisqueo viven miles de persoas na Galiza, na súa
grande maioria mulleres (até un 90%), que ademais das habituais
dificultades de gañar os suficientes cartos para poder pagar á
Seguridade Social e vivir do que se extrae, teñen que soportar
a continua acción contaminadora do home sen que ninguén
pareza porlle remedio.
Temos que denunciar a atitude dos distintos gobernos, pois esta situación
ben de lonxe, que non fixeron nada por solucionar os problemas da nosa
ria. O goberno do PSOE-BNG, e antes o do PP, non poden condear a un sector
económico cando teñen a responsabilidade, política
e legal, de depurar os vertidos que fan basicamente o Concello de Pontevedra
por non depurar ou facelo mal, e o porto de Marin. Non se poden sorprender,
como o Alcalde de Pontevedra, de que hai un problema cando as mariscadoras
petan na porta do seu despacho.
O Colectivo Nacionalista ante esta grave situación nas nosas rías
e a posíbel perda de centos de postos de traballo demanda tanto
do goberno galego como das distintas institucións que se poñan
mans á obra para ofrecer unha solución rapida e eficaz que
remate dunha vez coa desfeita ecolóxica e económica das
nosas rías e permita conservar estes postos de traballo dos que
dependen miles de familias. A conselleira de Pesca antes de actuar como
o está facendo ten que dar unha alternativa ás persoas que
poden perder o seu posto de traballo, a Xunta ten que cumprir coa legalidade
e as directrices comunitarias e sanear a ria.
Marin, 6 de outubro de 2006.
|