O
45% do censo de Marín non participou no proceso electoral
Os resultados
do proceso electoral que acabamos de pasar supuxeron unha sorpresa para
moitos, incluídos os protagonistas. Realmente ninguén
esperaba unha caída tan grande dos partidos do goberno municipal,
nin a suba que tiveron os da oposición.
Podemos deducir
que o goberno desgastou á coalición PSOE MAR-IN, e @s
cidadáns/ás fixéronlles pagar nas urnas catro anos
de falla de iniciativas, pasividade e de nula xestión. Estiveron
agardando toda a lexislatura para nos seis últimos meses realizar
catro cambios estéticos en varias rúas e a remodelación
da praza da abastos. Iso non chega para un pobo como Marín que
precisa dunha atención ás súas necesidades culturais,
de xestións administrativas, de coidado d@s maiores e de alternativas
de lecer para a xuventude.
Estivemos
padecendo un goberno incapaz de dialogar coas distintas administracións
e incapaz de dialogar cos veciños e veciñas, incluso ás
veces o trato no era nada amábel. Atrincheirados no concello
só tiveron capacidade para xestionar o día a día
sen ningún tipo de molestia por parte da oposición que
tampouco destacou pola súa capacidade opositora.
Hai que recoñecer
que sorprenderon as subas do PP e do BNG. O Partido Popular foi quen
de manter a fidelidade da súa ampla base electoral en Marín,
moito máis cando o baile de candidatos non lles favoreceu nada,
como tampouco a aparición de dúas candidaturas de "rebotad@s"
(PG e Terra Galega) que xogaron no seu campo de influencia.
Nin no BNG
esperaban unha suba de dous concelleiros, tendo en conta que nestes
catro anos a oposición que fixeron foi sempre oportunista e abstencionista.
Adicáronse a pasear conselleir@s e directores/as xerais ou provinciais
facendo promesas e vendendo fume, pero sen soltar un euro á hora
de facer os orzamentos da Xunta.
Mención
especial merece o malestar causado co PXOM, a pesar de que este debe
ser repartido entre todos os partidos con representación no concello,
e que con máis de 3.000 alegacións foi un dos máis
contestados do Morrazo. Non podemos obviar as repercusións do
Plano no proceso electoral cando vai afectar a moitos veciños
e veciñas de Marín no seu futuro. Todo fai pensar que
o custe en votos pagárono os gobernantes, mais cada partido nos
seus programas e nas súas manifestacións públicas
ao longo da campaña fixo fincapé en que ían levar
adiante o PXOM.
Algo falla
cando aparecen novas candidaturas (Terra Galega, PG e GEL) que cuestionan
o traballo dos partidos tradicionais e a abstención volve subir,
sendo maior que a media galega. Son síntomas de que a sociedade
entende que non se están facendo ben as cousas na política
municipal e demanda un cambio. A abstención en Marín,
o 43,18%, é maior que a media galega, 37,03%, e sofre un incremento
en relación ás anteriores municipais que era do 40,42%;
increméntanse tamén os votos en branco, que representan
o 2,10%. Case o 45% do censo non opta polos partidos que se presentan
ás eleccións.
O novo goberno
poder ser só un cambio de parella para o PSOE, unha vez máis
pode manterse á fronte da alcaldía como xa fixo nas dúas
lexislaturas anteriores optando esta vez polo pacto co BNG. Esto parece
o máis factíbel, xa que as discrepancias entre os dous
son máis "estéticas" que de fundo e propias
da dinámica de campaña permanente na que se atopan os
partidos políticos.
Onde van quedar
os bonitos programas electorais con fotos a toda cor que nos ofreceron
na campaña? Nestes catro anos que teñen por diante van
facer e desfacer sen poñer en práctica a "democracia
participativa" e, polo tanto sen ter en conta a opinión
dos veciños e veciñas de Marín. Os programas son
para as campañas electorais.
Goberne quen
goberne, o único certo é que van seguir adiante co PXOM,
un proxecto no que todos estaban e están de acordo, coa conseguinte
repercusión social. As persoas que alegaron, que teñen
as súas casas e os seus terreos afectados non gañaron
nada nin teñen motivos de ledicía por estes resultados.
Tan só nos queda confiar en que agora cando veñan de paseo
@s conselleir@s e directores/as xerais teñan os petos cheos de
cartos para deixar algo en Marín.
Dende o Colectivo
Nacionalista, independentemente de quen goberne Marín, seguiremos
a esixir unha democracia participativa onde o pobo sexa tomado en conta,
e facendo demandas como a construción dun novo centro de saúde,
a construción dunha nova biblioteca, a protección e posta
en valor do amplo patrimonio arqueolóxico, do noso litoral e
dos nosos ríos, a construción de vivendas sociais, un
centro de día para @s maiores, e moitas cousas máis sexan
feitas realidade.
Agora é
o pobo de Marín ten a obriga de fiscalizar e demandar que todas
as promesas que nos fixeron se fagan realidade.
Marín,
31 de maio de 2007