| Desde o Colectivo Nacionalista queremos denunciar a actuación do
Concello de Marín ante a concesión da licencia para construir
un muro no asteleiro da Praia do Santo. O Concello de Marín e
a Delegación Provincial de Costas da Xunta veñen de conceder
autorización para levantar un muro diante da construción
ilegal no asteleiro da Praia do Santo. Unha obra anteriormente paralisada
polo propio concello ao estar afectada pola servidume de protección
do dominio público maritimo terrestre e lindando cun camiño.
Unha edificación que ten aberto un expediente sancionador por parte
da propia Xunta vaise ver agora mellorada pola concesión dun permiso
para facer un feche sobre uns terreos públicos que teñen
que ser protexidos e reclamados pola adminstración. Estamos ante
un novo despropósito, un máis a xuntar ás patéticas
actuacións por parte do Concello e da Xunta ante esta obra ilegal.
Temos que lembrar que a construción deste muro vai ocupar uns terreos
arranxados polo Servizo de Costas e o Concello de Marín cando era
responsábel da área o Sr. Portela, para evitar que a actuación
do mar non seguira levandose a baixada á praia. A concesión
da licencia faise en base á situación actual da zona e non
se ten en conta esta actuación, que coa lexislación na man
todo o obrado hai que incorporalo ao Dominio Público Marítimo
Terrestre segundo o art. 4 da Lei de Costas.
Non podemos senón denunciar públicamente o “regalo”
que se está facendo en prexuizo dos intereses de todos os veciños
e veciñas de Ardán e Marín.
A forma de levar o urbanismo na nosa vila é desastrosa e claramente
beneficiosa para os intereses dos infractores e dos especuladores. Exemplos
temos abondo sen sair da parroquia de Ardán: a instalación
dunha casa prefabricada nunha zona forestal, a transformación deste
asteleiro en chalet, a colocación dunha antena (que grazas á
presión veciñal foi retirada) coa colaboración da
policía municipal ou vertidos de terra na zona de Pastoriza. E
poderiamos seguir polo resto de Marín facendo unha relación
de actuacións urbanísticas lamentábeis como as efectuadas
no río Lameiriña ou na fonte da Banda do Río.
Está claro que con estes precedentes estase incitando a todas aquelas
persoas que queiran infrinxir as normas urbanísticas a que o fagan,
pois o castigo e a persecución das infracións por parte
dos responsábis do urbanismo en Marín é nula.
Reclamamos do Sr. Vilaboa e ao BNG que deixen de favorecer aos especuladores
e infractores e fagan cumprir a legalidade e non enganen aos veciños
decindo que fan o que dispois non fan. Xa sabemos que son moi amigos de
xuntarse con empresarios, pero a administración dun concello tense
que facer para o conxunto do pobo, non para uns poucos polo que pedimos
que se reconsidere a licencia concedida e se paralice calquer actuación
nesta zona.
Marín 10 de abril de 2008.
|