Non á privatización dos servizos públicos

O teorico goberno "progresista" de Marín, formado polo PSOE e o BNG, vai privatizar a recadación das multas de tráfico. Estamos ante a demostración do fracaso duns responsábeis políticos, algun deles con moitos trienios na xestión municipal, que con esta privatización constatan a súa incapacidade como xestores.

Por que privatizan un servizo público? Non o fan para mellorar a xestión nin a atención aos cidadáns de Marín. Pretenden evitar unha xestión directa para desentenderse dos problemas que orixina, desviando a atención hacia unha empresa privada. Así poden seguir cobrando os seus grandes soldos sen necesidade de esforzarse moito.

Un segundo motivo para levar adiante este novo atentado aos intereses públicos é a rendabilidade dos servizos públicos. Non se privatiza o que non é rendíbel para as empresas privadas, privatizan o que vai dar beneficios e enriquecimento para o capital privado. Curiosamente detrás das privatizacións están grandes empresas que pasan a xestionar gran parte dos servizos públicos, e que normalmente son entramados económico-financieiros moi directamente relacionados cos grandes partidos.

Como aconteceu coa privatización da recollida do lixo, temos unha empresa que incumpre sistematicamente coa recollida ou a limpeza dos contenedores coa complicidade dos distintos gobernos municipais que tivemos, agora imos ter un servizo que non se vai caracterizar polas melloras na prestación do mesmo e atención ao público. Teremos que padecer unha empresa preocupada en aumentar o seu beneficio. Con esta privatización a xestión das multas vaise transformar, como xa aconteceu noutros concellos, nun acoso ao "infractor" xa que a empresa é a principal interesada en cobrar, pois vai levar unha porcentaxe da multa.

Van privarnos duns cartos que poderian servir para mellorar a atención aos cidadáns, mellorando os medios municipais para a realizacións das tarefas administrativas, a realización de obras necesarias ou unha mellor dotación da biblioteca e casas da cultura que temos en Marín.

Temos uns políticos cuns soldos desproporcionados pero á hora de traballar delegan en empresas privadas, para que queren as dedicacións exclusivas? Son tan incapaces que non son quen de argumentar minimamente a necesidade de privatizar a recadación de multas, nin se molestan en facelo. Marín non se merece uns políticos como estos, só preocupados e manterse na poltrona elección tras elección.