AOS MEIOS DE COMUNICACIÓN

Os orzamentos da Xunta volven discriminar a Marin

Un ano máis o noso concello ten que padecer a desídia e o maltrato por parte do Partido Popular á hora de elaborar os orzamentos da Xunta para o 2003. Tan só duas partidas, a circunvalación e o auditório. A segunda podemo-la considerar virtual pois o auditório de Marin parece ter dificil pasar do plano á realidade. Xa estamos acostumados a que nos orzamentos da Xunta a Marin só lle toquen duas partidas que case nunca se chegan a realizar.

Desde o Colectivo Nacionalista queremos denunciar que se nos volve tomar o pelo aos cidadáns de Marin. Un ano máis temos que ver como unha vila con máis de 25 mil habitantes queda sen inversións, como un ano máis o noso progreso e desenvolvimento se vai ver retrasado polo desinterese do partido que governa a Xunta.

Pola contra os habitantes de Marin non vamos quedar exentos de pagar o novo imposto que o PP vai poñer ás gasolinas, que ten como única finalidade un afan recaudatório e que vai afectar negativamente á evolución económica de Galiza aumentando os gastos das famílias e das empresas. A Xunta recoñece que pensa subir un 10% o que recauda por impostos e tasas.

Esta situación de discriminación e maltrato hacia a vila máis importante do Morrazo non pode continuar. Os orzamentos non se poden facer para “premiar” aos concellos do partido governante e castigar aos demáis; teñen que facer-se de xeito equilibrado en función das necesidades de cada vila e do número de habitantes.

Para o Colectivo Nacionalista hai unha série de investimentos prioritários que deberian estar recollidos nos orzamentos:

  • As vivendas sociais que xa están comprometidas co Instituto da Vivenda e Solo e os terreos xa están localizados.
  • O centro de saude, que xa deberia estar feito, so está pendente da vontade política da Xunta e o Concello para facer as recalificacións e poñer-se dacordo no terreo onde face-lo.
  • Un centro de dia ao servizo das persoas maiores, demandado e prometido por todas as forzas políticas.
  • Un centro de atención e asesoramento á muller, cada dia máis necesário pola problemática que estamos a viver de maltratos.
  • Tamén necesitamos reformar o Porto de Aguete, sempre e cando esta reforma sirva para mellorar a desfeita anterior e non para empeorar ainda máis a situación da praia.

Todas estas inversións teñen que efectivizar-se, pero sen dotación orzamentária o máis seguro é que todas estas promesas as leve o vento. O Partido Popular debe levantar-lle o castigo a Marin e dar-lle un tratamento digno, teñen a oportunidade no debate destes orzamentos no Parlamento Galego. Os cidadáns de Marin asi o demandamos.


Marin, 21 de outubro de 2003.