ESCRITO DE ALEGACIÓNS AO PROXECTO DE
PASEO MARITIMO DE LOIRA
Que estando en periodo de Información pública o proxecto
de ampliación do paseo en Loira, Fase 1, elaborado polo Servizo
de Proxectos e Obras de Pontevedra do Ministerio do Medio Ambiente e Medio
Rural e Mariño; vimos presentar as seguintes
ALEGACIÓNS:
1.- Que se pretende facer unha actuación sobre un conxunto de vivenda
e finca que ten unhas connotacións históricas e unha antigüidade
que fan necesaria a información e autorización previa da
administración responsábel da protección do patrimonio
histórico artístico, a Consellaría de Cultura da
Xunta de Galiza.
Pola súa antigüidade e características estamos ante
un elemento patrimonial a protexer, xa que se cumpre o Art. 15. 1. da
Lei 16/1985 de 25 de xuño de Patrimonio, que dí: “Son
Monumentos aqueles bens inmóbeis que constituen realizacións
arquitectónicas ou de enxeñería, ou obras de escultura
colosal sempre que teñan interese histórico, artístico,
científico oo social.”
2.- Que no proxecto de planeamento urbanístico que está
tramitando o Concello de Marín aparece recollido no catálogo
de edificacións a protexer co nome “Edificación de
Punta Loira”, clave E39, o edificio e a finca. Cualifícase
o grao de protección e as actuacións e usos permitidos,
que son o de “conservación, restauración e rehabilitación”.
Polo tanto, o que se pretende facer é alterar o estado actual da
finca, modificando e derrubando os seus muros, sendo substituídos
por outros de distintos materiais.
A restauración dos muros non se fai respectando o estado orixinal
dos mesmos, propoñéndose a substitución da pedra
por outra totalmente diferente. Isto conleva un impacto visual e contribúe
á degradación dos lugares onde se ubican as canteiras das
que se estrae a pedra.
3.- Que o proxecto presentado incide negativamente ao afectar a zona de
ribeira e non ten en conta a alteración da paisaxe que provoca,
modificando o entorno da praia de Loira.
4.- Que o proxecto incumpre o artigo 44.5 da Lei 22/1998 de Costas donde
se cita que “os paseos marítimos localizaranse fóra
da ribeira do mar e serán peonis”, sendo o máis grave
e lamentábel que o faga a propia administración pública
que debe velar polo seu cumprimento.
A invasión da zona de ribeira polo paseo proxectado é unha
actuación expresamente prohibida pola Lei de Costas. Incumprindo
o art. 27.1 que di: “A servidume de tránsito recaerá
sobra a franxa de 6 metros, medidos terra adentro a partir do límite
interior da ribeira do mar. Esta zona deberá deixarse permanentemente
expedita para o paso público peonill e para os vehículos
de vixianza e salvamento, agás en espazos especialmente protexidos.
5.- Que a inversión prevista non está suficientemente xustificada
e vai beneficiar fundamentalmente a uns propietarios particulares, que
teñen que manter en condicións os muros da súa propiedade
que nestes momentos están deteriorados.
A administración ten a obriga de velar polos intereses de todos
os cidadáns polo que é recomendábel a reutilización
dos fondos previstos nun proxecto que sexa realmente útil para
a sociedade.
Unha actuación similar á efectuada na finca de Briz sería
unha alternativa máis proveitosa. Mediante a adquisición
da propiedade e posterior restauración e disfrute público
creando un obradoiro de emprego poríase a disposición do
pobo de Marín unha edificación histórica e daríase
formación e ocupación á mocidade.
Por
todo o anteriormente exposto é polo que SOLICITAMOS:
1.
Que se retire o proxecto de paseo marítimo en Loira e se modifique
procedendo á dotalo dun contido de interese público mediante
a compra ou expropiación da edificación de Punta de Loira
e a súa finca.
2. Que de procederse á adquisición da casa, se inicien as
xestións para a constitución dunha escola obradoiro que
rehabilite a edificación e o entorno, dándolle un posterior
uso público.
3. Que, en caso de realizarse o paseo, a restauración dos muros
se faga respectando na súa totalidade o estado orixinal dos mesmos
levándose a cabo na maior medida do posíbel cos materiais
(pedra) xa existentes.
En
Marín, 29 abril de 2008.
Sr. Alcalde do Ilmo. Concello de Marín
|