| O Colectivo Nacionalista demanda unha
solución ao pátio do coléxio “Calvo Sotelo”
O mes pasado liamos entusiasmados unha esperanzada notícia: albiscaba-se, por primeira vez, unha posíbel solución para os nenos e nenas que estudan e que estudarán no futuro no coléxio de pre-escolar “Calvo Sotelo”. A solución únicamente pretendia ampliar o actual pátio en 200m2 á mesma altura deste. O alcalde de Marin quedaba encarregado de defender esta proposta co promotor do edifício anexo ao coléxio. Un mes despois o Alcalde de Marin, que temén o é dos nenos e nenas de 3 e 5 anos, aposta totalmente por unha opción distinta, curiosamente co visto bo do promotor: un pátio nas alturas, máis alto que as ventás do 1º andar. Un pátio que convertiria a zona baixa do cole, xinasio incluido, nun bunker para fechar aos nenos como se dunha cadea se tratase. É curioso que un edifício que inicialmente é construido de forma ilegal, que despois se trata de legalizar modificando (para isto si) as normas subsidiárias municipais en vigor, no que houbo tamén ordes de paralización que non se levaron a efecto, volvemos repetir é curioso que un edifício, un promotor, unha persoa, tanto ten, conte máis que a calidade do ensino de todo o alunado (presente e futuro) de Marin. É curioso que prevalezan os intereses dunha empresa privada antes que os modestos intereses (200m2) dun grupo indefinido de nenos. Só con rábia se pode contemplar a atitude do representante do povo de Marin e o seu cámbio de postura en tan só un mes. A quen debe defender o Sr. Alcalde? Como pode argumentar que a expropiación forzosa de 200m2 costaria 600.000 euros? Acaso está de broma ou é o prezo especial para a ocasión? O Consello Escolar e as ANPAS do coléxio levan anos tentando acadar un pátio digno para os seus fillos. Durante todo este tempo foron incluso rebaixando as suas pretensións iniciais para chegar a un entendimento co governo e o promotor do edifício. Vimos como solicitaban, unha e outra vez, reunións para tratar este tema. Estiveron, incluso, obrigados a manifestar-se no próprio Concello para que os atenderan. Para falar. Para dialogar. Sabemos que se reuniron con alguns grupos políticos. Sabemos tamén do desplante de outros nun intento de lavar-se as mans. En definitiva, cumpriron con creces como profesores e como nais e pais. Desde o Colectivo Nacionalista consideramos necesário que se estude novamente a ampliación do pátio pensando, en primeiro lugar, nos rapaces e rapazas. Esa debe ser a primeira preocupación de calquer governante, ensinante, nai ou pai con sensibilidade. Non se poden tomar decisións en función dos intereses particulares perxudicando ao conxunto da sociedade. E queremos manifestar o noso apoio ás persoas que están loitando por acadar unhas instalacións educativas dignas no coléxio “Calvo Sotelo”. Marin, 23 de Xaneiro de 2004. |