AOS
MEIOS DE COMUNICACIÓN
A
Conselleira Caride apresenta proxectos sen prazos nen financiación
A conselleira de política
territorial, na súa recente visita a Marin, lanzou unha serie de
“promesas” relativas a investimentos nunha zona de ocio, un
aparcadoiro soterrado e sobre o tan manido auditório. Polo momento,
e que nos coñezamos, a conselleira non explicou como tiña
previsto financiar estes investimentos, nen cal ian ser os prazos de execución.
Como xa denunciamos anteriormente nos orzamentos da Xunta non existian
partidas para estes grandiosos investimentos, tan só uns poucos
euros para o auditório pero como xa indicou a conselleira o proxecto
vai ser modificado e terá que ser adaptado aos prezos actuais.
Todo isto deixa entrever o comezo da campaña pre-eleitoral do PSOE
en Marin, que tenta vendernos promesas a pouco menos dun ano das eleicións,
sabendo que nengun destes proxectos estará listo este ano. Ademáis,
provocará un novo episódio do culebrón ao que xa
nos teñen acostumdos os dous sócios no governo da Xunta,
PSOE e BNG, que son incapaces de apresentar-se como un único governo
con propostas unificadas.
A Consellaria, o Concello e máis a Autoridade Portuaria chegaron
a un acordo mediante o cal este ultimo cede terreo en favor do Concello.
Neste novo espazo preve-se nun futuro construír un grande centro
comercial ademais dun aparcadoiro. En definitiva, con cartos públicos
pretende-se construir un centro comercial e un aparcadoiro que despois
pasarán a ser xestionado pola “iniciativa privada”.
Éste é o que os nosos governantes chaman ocio, e nos negócio.
Se ben é certo que Marin está falto de zonas onde aparcar,
o Colectivo Nacionalista non considera unha alternativa valida un aparcadoiro
de pago que elimine as actuais zonas de aparcamento. Somos partidários
de actuar nesa zona, pero tamén somos conscientes que se vai criar
un problema de aparcamento no centro de Marin, pois van ser sustituidas
unhas prazas gratuitas por unhas de pago. Son necesárias alternativas
de aparcamentoe e sobre todo de sustitución do coche como médio
de transporte para vir a Marin.
Mentres Marin carece dun centro de saúde decente, unha nova biblioteca
que colme as necesidades de tod@s @s veciñ@s, un centro de día
para @s nos@s maiores, vivendas sociais, e a Xunta pretende con cartos
públicos construír un grande centro comercial, fomentando
o consumo insaciábel á par do negocio privado. Nos demandamos
que o centro de ocio sexa realmente de ocio, cultura e esparcimento do
povo, que se construa unha nova biblioteca adaptada as necesidades dos
usuários, estudantes e non estudantes, que desexan acceder dun
xeito moderno a libros e ás novas formas de comunicación.
A construción dunhas salas de cine nese centro comercial, parece-nos
unha broma de mal gosto, xa que se noutras cidades como Pontevedra non
son rendíbeis e teñen que pechar, que lles fai pensar a
estes “polític@s profesionais” que estas salas van
funcionar no noso concello? Ou é que acaso o fan cun fin social?
En canto á construcción do auditório no parque Eguren,
parecenos unha vez máis que estamos ante un novo anúncio
irreal xa que vai acompañado, segundo manifestou a conselleira,
dunha modificación do proxecto aprovado. Sairá outro a concurso?
Vai-se modificar o anterior? Vai-se ter en conta o impacto que vai ter
sobre un parque no centro da vila que de uso e disfrute de moitisimos
marinenses?
Dende o Colectivo Nacionalista gostariamos que o Concello buscara verdadeiras
alternativas de “ocio” e non de “negocio” para
eses espazos.
Marin, 8 de xuño
de 2006.
|