AOS MEIOS DE COMUNICACIÓN

O Colectivo Nacionalista de Marín apresentou un escrito no Concello solicitando que se proceda a retirada dos dous postes da lus que quedaron no medio da travesía que une a rúa da Estrada co Inferniño (detrás do Instituto) ou que se dirixan á empresa propietaria dos postes para que os retire, así como que se asfalte o bache que preside a entrada desta travesía na rúa do Inferniño.

Despois de ter solicitado en varias ocasións ao Pleno da Corporación anterior o asfaltado e a colocación das luces nesta travesía, logramos que se fixera, curiosamente, poucos días antes das últimas eleicións municipais. Aínda así, a mellora foi ben recibida polas moitas persoas que habitualmente utilizan esta vía para ir ao Instituto de bacherelato, ao xinnasio, etc.. Habilitóuse, daquela, un camiño de terra que cando chovía non se podía pasar por el e agora, non só se pode utilizar durante todo o ano senón que, ademáis, permite a circulación dos coches e ganóuse algún que outro aparcamento.

Entendemos, desde o CN, que mentras non se poida facer unha estrada en perfectas condicións, ampla e con beirarrúas para os peóns, se amañe deste xeito este camiño, conseguindo mellorar un pouco a calidade de vida dos veciños de Marin.

Máis ao facer esta mellora sustancial, esquecéronse de retirar dous postes da lus que están no medio e medio desta rúa e que dificultan en gran medida a circulación dos veículos, e dunha maneira especial os días de chuva. A isto hai que sumarlle un gran socavón na mesma entrada desta travesía, na rúa do Inferniño, no que é necesario “cair” nel para poder evitar o poste da lus.

É certo que as baixas velocidades as que nos vemos obrigados a circular por esta vía fai casi imposíbel que se produzan accidentes graves, pero melloraríamos moito con estas pequenas modificacións que estamos prantexando.

Aproveitamos para lembrar que non estaría de máis que de vez en cando pase a máquina barredora para limpar todo o lixo que hai tirado por esta rúa.

A calidade de vida dos veciños non só se consegue con grandes obras, por certo, que nos son negadas unha e outra vez, a pesar de pagar os mesmos impostos que o resto da cidadanía. Pero mentras esperamos polo Plan Xeral de Ordenación Urbana, a estrada de circunvalación (1ª e 2ª fases), o centro de saúde, o auditorio, etc., agardamos que se fagan estas pequenas cousiñas que tamén son moi importantes.


Marin, 19 de novembro de 2003