Aportacións
do Colectivo Nacionalista ao Plan Xeral de Ordenación Municipal
de Marin
Esta ano no estado español construiron-se máis vivendas
que a suma das construidas na Franza, Alemaña e Itália
xuntas, eso que ten unha povoación catro veces menor que a que
forman estes tres paises. Segundo dados recentemente publicados nos
meios de comunicación, na ria de Vigo os novos planeamentos urbanísticos
preveen a edificación de 60.000 novas vivendas (Baiona, Nigrán,
Cangas e Moaña) e en Galiza están previstas unhas 600,000
entre os próximos 5 e 10 anos na franxa costeira. A construcción
de novas vias de comunicación, como a via rápida do Morrazo,
facilita o acceso á costa e provoca un aumento da demanda de
segundas vivendas. Estas urbanizacións están destinadas
fundamentalmente a un mercado alleo, sendo vendidas moitas delas directamente
fora de Galiza.
Actualmente a construcción de vivenda nova mostra un carácter
fortemente especulativo, abandonando todo criterio de utilidade social
e entregando-se ao benefício particular nunha fuxida cara adiante
que os políticos de distintos partidos frecuentemente en
connivencia cos grandes capitais do negócio inmobiliario
non semellan querer nen poder conter.
Estamos asistendo ao traslado do fenómeno urbanistico-especulativo
típico do mediterraneo as nosas costas. O modelo
expansivo de construcción, as urbanizacións de chales
adosados con vistas ao mar, xunto cos pelotazos urbanísticos
e as recalificacións están á orde do dia.
Esta situación está levando a que nos concellos onde se
da este fenómeno o prezo da vivenda se dispare e sexa tan alto
que os naturais non poidan competir cos foráneos xa que non teñen
a capacidade económica para mercar nunha desas maravillosas urbanizacións,
como a que coñecidos futbolistas están construindo na
Costa da Morte, ou teñen que endeudar-se de por vida. A expulsión
do mercado ou a condena eterna cunha hipoteca que nos acompañará
até o fin dos nosos dias son a alternativa.
Outra limitación que se está producindo é a do
acceso da xente nova á vivenda. É prácticamente
imposíbel que a povoación de menor idade poida mercar
tendo que empregar cerca do 90% dos seus ingresos en pagar unha hipoteca
polo resto da sua vida.
A redacción de novos Plans Xerais esta provocando que os políticos
que governan os concellos, e as oposicións, sexan da cor política
que sexan, parcelen o território non en función dun desenvolvimento
sostíbel e beneficioso para os cidadáns garantindo unhas
condicións de habitabilidade do território con zonas verdes
e equipamentos, senón en base a acordos con grupos imobiliários.
O que está acontecendo en Cangas, é un bo exemplo de como
funciona a relación política-construcción. Un governo
municipal asina convénios especulativos para urbanizar até
o límite, en terreos comunais de Aldán que están
en disputa, provocando unha protesta veciñal que foi capaz paralizar
e cuestionar a elaboración do novo PXOM. O Plan do concello de
Moaña provocou un gran número de alegacións demostrando
que distintas cores políticas entenden o urbanismo desde un ponto
de vista económico e non social.
Construcción
fora de control. Todo esto vai acompañado dunha total falla
de control das obras que se realizan, teñan licéncia ou
non, o que da lugar a infraccións clamorosas e denuncias públicas
sen que se leve adiante nengun tipo de actuación. Os Concellos
teñen obriga de facer cumprir a lexislación vixente en matéria
urbanística e non deixar facer.
Este xeito de actuar está provocando que xurdan auténticas
fabelas arredor dalgunhas praias de Marin. Os que teñen cartos
poden delinquir xa que canto máis grande sea a obra máis
probabilidades ten o infractor de non ser molestado. A apropiación
de viais públicos convirte-se nunha cousa normal, chegando ao esperpento
en Marin de impedir a asisténcia a persoas discapacitadas porque
non deixan sitio para pasar ambuláncias.
Un desenrolo alleo ao desenvolvimento sostíbel. É anecdótico
atopar algunha mención na redacción dos plans de urbanismo
sobre a necesidade do emprego de enerxias renovábeis, como a solar,
o emprego de materiais non contaminantes ou o cumprimento de normas enerxéticas
para un baixo consumo. O deseño da alineacións deben ter
en conta aspectos como o soleamento ou a protección de ventos frios,
o que provoca aforros no consume enerxético das vivendas.
Na elaboración dun novo PXOM deberian ter-se en conta estes factores,
integrando no mesmo as obrigas en matéria de instalacións
solares nos edifícios novos. Debendo, ademáis, a administración
local dar exemplo e implantar nas suas instalacións de xeito gradual
paneis solares que suministren enerxia para lus e calefacción.
Outro aspecto fundamental é o fomento do transporte público.
A comunicación das parróquias por este médio dunha
forma eficiente pode liberar ao centro da vila de gran cantidade de coches
e solucionar en grande parte o problema do aparcamento.
A tendencia nos paises civilizados é arrombar os veículos
e saca-los dos centros das vilas e cidades recuperándoas para as
persoas. Eliminamos un foco de contaminación e investimos en saude.
Os
portos deportivos un elemento máis dun modelo especulativo.
Están xurdindo por todo o noso litoral numerosos proxectos de construcción
de portos deportivos. Desde as administracións, xa sexa a local
ou a autonómica, tentan vendernos estas obras como unha gran inversión
que nos vai dar moita riqueza cando a realidade que todos coñecemos
é que nos portos existentes hai moi poucas persoas contratadas.
As consecuencias medioambientais da construcción deste tipo de
portos son notórias ao pouco tempo de rematar as obras. En Sanxenxo,
Aguete ou Beluso asistimos a un rápido deterioro das praias con
perda e trasbase de area motivado polo cámbio nas correntes, conseguindo
deteriorar os atractivos que realmente atraen aos visitantes como son
as nosas fermosas areais. Esta situación tenta remediar-se, por
exemplo, na praia de Silgar a base de continuos trasbases de area de outras
zonas cun custe elevadísimo que temos que pagar todos nós.
Para qué serven e a quén? Estas obras fan-se normalmente
para satisfacer a uns poucos privilexiados que teñen a posibilidade
de ter o seu iate atracado todo o ano ao abrigo do mal tempo, e no vran
dar-se uns paseos pola ria. A relación custe-usuários ou
o deterioro medioambiental que provocan non compensa nen socialmente nen
economicamente. Non se xustifica desde nengun ponto de vista investir
uns cartos que poden ser destinados á sanidade, mellora das comunicacións
das nosas vilas, educación ou calquer outro tipo de inversion máis
productiva para a sociedade.
È de resaltar a atitude dos veciños de Cangas que paralisaron
as obras do previsto porto deportivo en Masso, que tiñan intención
de complementar unha megaurbanización para asi dar un paso máis
na marbellización desta vila do Morrazo.
As
vias de comunicación, unha articulación allea. As vias
de comunicación non están deseñadas en función
das necesidades do conxunto da sociedade. Fan-se en función de
intereses económicos determinados, na maior das veces especulativos,
como é a chamada via rápida do Morrazo. Non se fan vias
de comunicación pensadas en articular as vilas e as parróquias,
comunicarnos mellor cos nosos veciños ou intercomunicar Galiza.
Canto nos leva chegar a Lugo? De Marin ao concello de Alfoz sete horas
en diversos transportes públicos.
Tampouco se promocionan os medios de comunicación públicos
como o tren ou o autobus. Hoxe só é posíbel ir de
Vigo a A Coruña, ou vicecersa, e unha odisea tentar chegar a calquer
outro ponto de Galiza en transporte público. A alternativa que
nos plantexan e pola que pelexan todos os partidos políticos do
stablisment é o tren de alta velocidade, o AVE, cando
o que realmente necesitamos e un tren que sexa rápido, efectivo
e que articule a nosa xeografia comunicandonos realmente entre nos.
Cultura
e identidade, limitando e obstaculizando a construcción no rural.
O modelo urbanístico que nos queren impoñer vai encamiñado
a limitar a construcción nas zonas rurais aos particulares para
provocar o éxodo ao centro urbano e polo tanto ter que mercar os
pisos que nos ofertan constructores e imobiliárias.
A forma en que se construen as casas, a sua colocación no entorno
que as rodea, tamén forma parte da cultura e a identidade dun povo.
As maravillosas estampas da costa galega coas suas postas de sol, as suas
chalanas nas praias e o verde das árbores é un atractivo
que utilizan os inversores imobiliários para vender pisos aos estresados
madrileños. Pero como se ven denunciando nalguns artigos publicados
recentemente, esta postal pode desaparecer por culpa dos que a utilizan
para vender as suas urbanizacións que están destrozando
o noso litoral.
O PXOM de Marin.
A redacción dos Plans sempre se fai desde a máis absoluta
opacidade até que non queda máis remédio que facer
a obrigada exposición pública. O que acontece entre bambalinas
non sae a lus. Qué está pasando coa redacción do
Plan en Marin? Os veciños e veciñas de Marin descoñecemos
que é o que se coce nas comisións de urbanismo, ou fora
delas. Pero se os rumores son certos podemos prepararnos para ver o noso
concello transformado nunha gran extensión de formigón e
baldosa.
Onde están os modelos de participación cidadán que
nos prometeron na campaña eleitoral? Onde podemos opinar sobre
o desenvolvimento futuro do noso concello? É como podemos opinar
se non sabemos o que están facendo 21 persoas en representación
de 27.000?
É necesário que a sociedade demande claridade e que se fagan
públicos os acordos a que se están dando na comisión
de urbanismo por parte dos partidos políticos que están
no concello. Sabemos que están chegando a eses acordos e queremos
coñecelos, os cidadáns debemos saber que é o que
cocen os que din representarnos. O Plan de Urbanismo vai modificar e ser
o modelo para o futuro desenvolvimento do noso concello, e polo tanto
os veciños e veciñas tamén queremos opinar.
Os nosos governantes deben dar a coñecer as liñas básicas
do Plan, o número de polígonos e a sua ubicación,
que terreos van recalificar, como vai quedar o noso litoral, como van
ser os núcleos rurais e as suas zonas de expansión, que
zonas verdes imos poder disfrutar (non contamos como zona verde as baldosas
de algunhas prazas), etc.
Teñen que explicar que repercusións van ter para os veciños
os polígonos é en función de que e para que van aparecer
no Plan, xa que esta figura urbanística xa foi polémica
no anterior intento de redacción e provocou bastente malestar.
Van dar vía libre á pantasma legal do "axente urbanístico"
e as ameazas das expropiacións privadas no Plan Urbanístico
de Marin?
En definitiva, vai triunfar un deseño racional do território
ou se vai transformar Marin nunha vila nova e distinta irrecoñecíbel.
Por todo o anteriormente exposto e polo que SOLICITAMOS:
1.Que se garanta a participación cidadán na configuración
urbanística do noso concello, e cando falamos de participación
cidadán non nos referimos aos grupos de presión que pretenden
enchernos de asfalto en función da sua conta de resultados, abrindo
o proceso á colaboración de todas as asociacións
veciñais, culturais e deportivas, asi como achegando-se ás
parróquias para que os seus veciños e veciñas poidan
aportar suxestións.
2.Que se fagan públicos os acordos da comisión de urbanismo
sobre o PXOM para que os cidadáns sexamos coñecedores de
como os partidos políticos no concello están deseñando
o futuro de Marin.
3.Un crecimento urbanístico ordenado e ecoloxicamente sustentábel
acorde coas necesidades de desenrolo equilibrado do noso concello, evitando
o deterioro acelerado do entorno natural e polo tanto mellorando a calidade
de vida. É necesário regular e facer obrigatórias
as instalacións de enerxia solar nas novas edificacións
asi como a adopción de medidas de aforro enerxético.
4.Protección da conca do Rio Loira, zona de gran interese ecolóxico
e paisaxístico, evitando a instalación de calquer parque
industrial que deteriore o ecosistema do rio.
5.Eliminar do PXOM calquer proposta de retirar a protección aos
Espazos Naturais para convertelos en solos de Protección Forestal
(Montes do Morrazo actualmente protexidos polas Normas complementarias
e subsidiarias de Planeamento provincial de Pontevedra da CPTOPV)
6.Desenrolo dun modelo de transporte que comunique as distintas parróquias
entre elas e o centro da vila co obxetivo de reducir a utilización
de vehículos particulares.
7.Regulación das intalacións de telefonia móvil,
afastandoas das zonas habitadas cando menos 600 metros.
8.Estabelecimento efectivo da protección do noso litoral pois é
a verdadeira riqueza coa que contamos para promocionar un turismo de calidade
como se fai en moitos paises desenvolvidos.
9.Promoción da vivenda social fronte á vivenda libre,
pois é obriga das institucións públicas facilitar
o acceso a unha vivenda digna, cousa que hoxe en dia é discutíbel
co elevado custe da vivenda.
10.Que se estabelezan gravamens ás vivendas que están desocupadas,
1796 en Marin segundo dados do INE do ano 2001.
11.Un urbanismo desordenado transformou Marin ao longo do século
XX nunha vila allea á sua própria identidade mariñeira
afastando-se do Mar. Abrir Marin ao mar é unha permanente reivindicación
eleitoral de gran parte dos partidos políticos con representación
no concello, esta aspiración ten-se que facer realidade.
Por iso demandamos a eliminación de todas aquelas edificacións
portuárias que impidan ás vistas ao mar, e polo tanto que
non sexan sustituidas por outras.
Demandamos que o espazo ocupado hoxe en dia pola Escola Naval sexa contemplado
como parte integrante dese proceso de recuperación de Marin e non
se permita a especulación urbanística das suas instalacións
no deseño do novo Plan, xa que no futuro poden ser empregadas para
prestar servizos ao conxunto da cidadania.
En Marin, 19 de xaneiro de 2006.
Á
Corporación Municipal do Concello de Marin
Excmo. Sr. Alcalde do Concello de Marin
|