Un PXOM especulativo
ameaza o litoral e os ríos de Marín
O
proxecto de PXOM elaborado baixo a dirección da Comisión
Municipal de Seguimento, onde están representados todos os
grupos municipais, mantense na liñaa dos presentados na maior
parte dos concellos costeiros de Galiza. Igualmente estamos ante unha
aposta polo crecemento sen control e a urbanización extensiva
do territorio.
Aplicar
esta filosofía urbanística propia do “Mediterráneo”
nun momento en que socialmente está sendo cuestionada e nalguns
casos paralizada pola Unión Europea deixa ben as claras que
non se pretende desenvolver un plano que solucione os problemas do
conxunto da poboación, que beneficie á maioría,
senón que está en función dos instereses duns
poucos. Estamos ante un proxecto especulativo e que vai provocar tensión
social cando traten de aplicarse os excesivos “polígonos”
que aparecen recollidos.
As
figuras escollidas, os diversos modelos de polígonos, nas que
os propietarios dificilmente chegarán a un acordo de edificación,
obrigan a un desenvolvemento baseado en urbanizacións realizadas
por grandes construtoras que, no caso dunha vila costeira como a nosa
desenvolveranse en moi pouco tempo en fenómenos de especulación
urbanística ligada ao turismo.
O
plano xeral presentado non incorpora criterios de sustentabilidade,
xa que non parte da base de respectar o benestar e a calidade de vida
dos actuais habitantes do concello, ao recalificar grandes superficies
de cultivos e de solo rústico protexido, que conforman a actual
paisaxe de Marín, substituíndoo por unha continuidade
de urbanización de edificacións con diversas alturas
e características que van empeorar a calidade de vida ao concentrar
á totalidade da poboación en puntos concretos, no litoral
e en espazos protexidos, e atraendo a consumidores de segundas vivendas
que residen fóra do noso concello co conseguinte encarecemento
do nivel de vida para os que residimos todo o ano en Marín.
A
análise do preámbulo da Memoria clarifica as intencións
da Comisión Municipal de Seguimento, pois desde a equipa redactora
maniféstase dun xeito rotundo que foi esta comisión
a que rexeitou a consideración da maior parte das recomendacións
do informe previo elaborado pola Consellaría de Política
Territorial. Isto vai provocar unha inseguridade xurídica ao
expoñer un plano que está en gran medida cuestionado.
Pero o máis lamentábel de todo o proxecto son as propostas
de invadir urbanisticamente o litoral e de canalizar os ríos
Loira e Lameiriña.
A
proposta de urbanizar a franxa de protección do litoral, 200
metros dende o límite interior da ribeira do mar, sen ningún
tipo de xustificación do interese público como obriga
a lei entra en contradición coa conservación do noso
entorno, a preservación das zonas costeiras de grande valor
ecolóxico e paisaxístico, e entra en clara confrontación
co manifestado pola Consellaría de Política Territorial
no seu informe sobre o PXOM.
Hai
que lembrar que está en trámite un proxecto para a protección
dos 500 metros de litoral, así como as constantes manifestacións
públicas do Presidente da Xunta e a Conselleira de Política
Territorial contra a especulación urbanística e a defensa
do noso litoral. Sabemos que son palabras de políticos, máis
agardamos que no caso de Marín se fagan realidade.
Igual
de aberrante é a proposta de canalizar os ríos Loira
e Lameiriña. Os cauces de ambos, tal e como ven recollido no
proxecto do PXOM, vense afectados nas súas marxes por propostas
que non respectan as zonas de protección estabelecidas legalmente.
Incúmprese reiteradamente a Lei 29/1985 de Augas, que regula
e prohibe este tipo de actuacións nos ríos.
Non
hai xustificación algunha para estas actuacións que
inciden nos erros do pasado e que provocan cada certo tempo inundacións
nas desembocaduras, dos ríos como aconteceu en novembro pasado
co Lameiriña.
Os redactores do plano son conscientes de que estas actuacións
van contra a filosofía da normativa vixente, pero as decisións
políticas da Comisión de Seguimento fixeron que se mantiveran.
O que teñen que aclarar publicamente é que intereses
están defendendo con este tipo de propostas que só fomentan
a especulación urbanística.
Todos
os partidos con representación no concello son culpábeis
de elaborar un PXOM que non responde ás necesidade de Marín,
e pretenden transformar a nosa vila nunha nova “Marbella”.