|
Marin vai padecer un novo desastre económico cos recortes de cuotas pesqueiras da Unión Europea O Colectivo Nacionalista de Marin quer manifestar a sua indignación e rexeitamento á proposta de recorte de cuotas pesqueiras que pretende facer a Unión Europea a proposta do eurocomisário Fishler. Estamos na xénese dun novo golpe mortal ao sector pesqueiro galego. A UE pretende desfacer-se dunha vez da frota galega para defender os intereses económicos de outros paises que nos teñen como competidores. Como se explica senón que pesquerias e caladoiros que están en peores condicións que os galegos non sufran recortes e si aumentos? A quén pretende enganar o Sr. Fishler? Se realmente os recursos pesqueiros están mal que propoñan medidas lóxicas para a sua recuperación, pero baseadas en propostas sérias e en estudos biolóxicos fiábeis, que se fagan paros biolóxicos. Marin vai sofrer e novo batacazo no sector económico máis dinámico e máis importante, que se vai sumar á desaparición da frota do Banco Canário Saariano, de Nafo, Namíbia, etc. Se non se lle pon remédio imos asistir a un desastre ecolóxico, pero de postos de traballo e empresas que van desaparecer por culpa da UE e co beneplácito do governo central e a Xunta. Queremos denunciar o papel de “colchón” que xogan, e xogaron en anteriores recortes, os governos do Partido Popular na Xunta e en Madrid. Estiveron facilitando a desaparición paulatina da nosa frota e agora van participar da mesma estratéxia. Asistirán a reunión e amortiguarán un pouco as propostas da UE pero aceitando as inevitábeis porcentaxes de recurtes despois das durísima negociacións; e asi até a próxima. Pouco a pouco imos vendo máis buques tirados nos peiraos sen nengun futuro. Facemos un chamamento á movilización do sector como única forma de parar esta proposta aniquiladora do Sr. Fishler, como xa fixeron os bretóns outras veces, pois non podemos esperar que nas negociacións en Europa nos vaian solucionar os problemas. O sector ten que asumir a sua responsabilidade e comezar a mover-se. Contarán co respaldo da sociedade galega e do povo de Marin, como xa o demostraou en anteriores e múltiples ocasións. Marin, 12 de decembro de 2003. |