Rexeitamos os salarios futbolísticos das adicacións exclusivas de Marín

Resulta cando menos lamentábel que por unha vez que Marín sae citado nos medios informativos de máxima audiencia a nível estatal sexa para informar que non temos socorristas, xa que os salarios ofrecidos non atraen a ninguén.

Tamén é sintomático que o primeiro que faga o goberno de “esquerdas” do noso concello sexa poñerse uns salarios de “dereitas”. Agora xa coñecemos o segredo de tan rápido acordo para se facer co goberno municipal. Dá a impresión que intermediaron representantes dos futbolistas de primeira división afeitos a grandes cifras e que ese foi o principal motivo de consenso.

É socialmente impresentábel o que están facendo os partidos políticos coa política municipal, cada alcalde quere cobrar máis que o do concello limítrofe e poñer máis adicacións exclusivas. Marín necesita catro, ou máis, adicacións de concelleiros e concelleiras pois é moito o que teñen que traballar para sacar á nosa vila da apatía e a falla de inversións a que estivo condenada nos últimos anos. Mais as cantidades que se colocaron son desde calquera punto de vista desorbitadas e van supor un lastre para a economía do concello. Todo isto é aínda máis lamentábel cando os concelleiros responsábeis de áreas comezan a queixarse de falla de cartos para atender as súas competencias.

Non entendemos tampouco como se pode poñer unha adicación exclusiva unha persoa como o sr. Ruibal que non ten practicamente ningunha competencia, pois o argumento de que é tenente de alcalde é unha tomadura de pelo aos cidadáns, xa que só ten funcións no caso de que o alcalde non estea, e iso pasa en contadas ocasións. Será acaso que vai exercer o papel de comisario político do BNG no concello para controlar o que se fai? Será por iso que aparece presentando as festas a beira do alcalde e da concelleira de cultura? Resultarían máis convincentes se a adicación exclusiva a asignaran a outra área con máis carga de traballo, como por exemplo cultura.
Moi mal comeza este goberno pois no primeiro pleno de contido político súbense o soldo e despois bótanlle a culpa aos anteriores por non ter socorristas as praias de Marín. E cando perdamos as bandeiras azuis a quen lle van botar as culpas? Non é seria esta forma de actuar e demostra que non se merecen cobrar o que van cobrar a conta nosa. Están gobernando para solucionar os problemas e non para acusar aos de antes e, agardamos que non se pasen catro anos facendo o mesmo.

A política é un servizo á sociedade que se fai voluntariamente, non para se facer ricos. Deste xeito convértese nunha maneira fácil de vivir a conta do erario público grazas a estar en tal ou cal partido político. Iso socialmente é rexeitábel e só conleva que existan profesionais da política que se aferran á cadeira e ao soldo.

Desde o Colectivo Nacionalista demandamos unha forma de facer política máis transparente, participativa e achegada aos cidadáns. Cobrando catro veces máis que a maioría dos veciños e veciñas de Marín o que fan e situarse a anos luz de distancia e acadar un clamor social contrario a esta decisión.