|
AOS MEIOS DE COMUNICACIÓN
O Concello de Marin debe buscar alternativas a Sogama Diante do anuncio de Sogama de subir de xeito inxustificado a tasa que lle cobra aos concellos, polo tratamento anti-ecolóxico do lixo que fai, desde o Colectivo Nacionalista queremos manifestar o noso rexeitamento a esta medida. Consideramos que o modelo Sogama está esgotado e non e rentábel, nen ecolóxica nen economicamente, supoñendo un lastre económico para os cidadáns e os concellos. Ademáis, a conta do noso lixo unha empresa privada produce electricidade que nos volve vender, polo que nos cobra duas veces. Os concellos teñen que opoñer-se e facer-lle fronte á pretensión da Xunta e de Fenosa de "atracar" deste xeito as economias domésticas e das administracións locais. O que temos claro e que non podemos seguir lucrando a unha empresa, como Unión Fenosa a única beneficiária do modelo Sogama, que non reinvirte eses benefícios en mellorar o deficiente servizo que nos presta. Marin ten que sair de Sogama. Non podesmos seguir colaborando cun sistema de tratamento de resíduos que é contaminante, que despilfarra recursos, que ten o lixo de toda Galiza dando voltas en camión ou en tren e que ademáis nos resulta moi caro. Existen alternativas e modelos diferentes de tratamento, e polo tanto demandamos que o PSOE no Concello de Marin busque esas alternativas máis económicas e ecolóxicas e que non repercuta esta suba de Sogama nos recibos dos veciños. Que non sigan o exemplo do BNG na Mancomunidade do Morrazo onde pretenden subir a tasa o 100% seica para equilibrar contas que algo terán que ver con recentes concesións a empresas privadas. Aos veciños de Marin xa nos chegou coa escandalosa suba que nos puxeron para financiar a privatización da recollida do lixo. O Colectivo Nacionalista propón a recuperación do anterior Plano de Tratamento de Resíduos do Morrazo (baseado na reciclaxe, recuperación e reutilización) e para iso Marin ten que negociar cos outros concellos da nosa comarca. Temos unhas instalacións en Cangas que levan paralizadas meses sen que ninguén asuma a responsabilidade. Esta empacadora, se hai realmente vontade política, pode volver convertir-se nunha planta de compostaxe, finalidade para a que fora deseñada no proxecto inicial. Somos conscientes que o Partido Popular non está pola labor de que xurdan proxectos alternativos a Sogama. Xa sabemos o que fixo por afogar o do Morrazo. De todos os xeitos os cidadáns demandan dos governos iniciativa, xestión e solucións aos problemas. O Alcalde de Marin ten que sair do despacho no que está atrincherado e dar-lle unha solución aos veciños que non sexa a de pagar máis impostos. As forzas progresistas da nosa comarca poden dar unha mostra do seu progresismo retomando este plano de tratamento de resíduos que é máis ecolóxico e ten menor custe económico e ambiental, ou propoñer outras alternativas acordes coa defensa do médio. Marin, 8 de outubro de 2003 |