Escrito apresentado ao Valedor do Povo

Dentro do abundante património arqueolóxico con que conta o concello de Marin, na Illa do Santo situada na parróquia de Ardán, existen os restos da edificación da Capela de San Clemenzo ou San Clemente.

Recentemente foi concedida licéncia urbanistica por parte do Concello de Marin a un particular para a realización dun "muro de contención" no entorno da Illa. A propriedade destes terreos parece ser que non está moi clara, polo que podemos atoparnos ante unha situación na que se pretende facer un uso privado dun ben público ante a pasividade da institución municipal. Hai que destacar que a licéncia municipal foi dada sen que o solicitante aportara documentación acreditativa da propriedade.

Non temos coñecimento de que, tal e como é obrigado pola Lei 8/1995, de 30 de octubro, do Património Cultural de Galicia, se solicitara informe ou valoración da Conselleria de Cultura para a aprovación desta intervención no entorno da Illa do Santo.

O pasado 26 de xaneiro de 2005 apresentamos ante a Delegación Provincial da Conseleria de Cultura de Pontevedra un escrito denunciando a situación de ilegalidade na tramitación da licéncia de obra. No escrito demandabamos deste organismo que solicitara ao Concello de Marin o expediente urbanístico referido á actuación na Illa do Santo de Ardán, e no caso de que a construción do "muro de contención" resultara perxudicial para a conservación da património histórico e arqueolóxico se procedera ás actuacións recollidas na lexislación vixente para preservar a Illa do Santo e o seu entorno.

A Delegación Provincial contestounos, con data do 2 de febreiro, que a Xunta de Galicia tiña inventariado o xacimento arqueolóxico, coa clave GA36026031, denominado Xacimento Medieval da Illa do Santo do Mar. Indicaba que o Concello de Marin ten constáncia da existéncia deste xacimento, e que procedia a solicitar do mesmo cópia do proxecto da obra para que a Comisión Territorial do Património Histórico poidera emitir o seu respectivo e obrigado informe.

A dia de hoxe o Concello de Marin ainda non apresentou a documentación solicitada pola Conselleria, sendo enviado un novo requerimento.

Esta é unha máis das continuas agresións ao património arqueolóxico que se veñen producindo en Marin e no conxunto do Morrazo provocadas por particulares, pero moi especialmente por parte da própria administración (municipal ou autonómica). A construcción da denominada Via rápida do Morrazo e da Circunvalación a Marin provocou a destrución de importantes xacimentos arqueolóxicos.

Relación de alguns dos xacimentos afectados por estas obras:

Petroglifo de Pinar do Caeiro, Marin
Mámoa de Pedralonga, Marin
Castro de Montealegre, Domaio - Moaña
Petroglífos Pedra do Návio, Moaña
Petroglifos Chan do Caeiro, Moaña
Petroglifos As Meáns, Moaña
Petroglifos Pozo Garrido, Moaña
Castro das Cidades, Moaña
Petroglifos de Gondarán, Cangas
Castro de Pedralán, Cangas
Castro de Liboreiro, Bueu

Por todo o anteriormente exposto, é polo que solicitamos a actuación do Valedor do Povo para:

Que demande ao Concello de Marin o cumprimento da legalidade vixente na actuación da obra da Illa do Santo e colabore coa administración competente, neste caso a Conselleria de Cultura.

Que consideramos que as continuas agresións ao noso património histórico deberian ser cuestión de estudo por parte da institución do Valedor do Povo e, polo tanto demandar da Conselleria de Cultura que de conta das actuacións efectuadas nas obras da Via Rápida do Morrazo e da Circunvalación a Marin, asi como demandar unhas actuacións máis respetuosas e conservacionistas sobre este insustituíbel património.

Marin, 9 de marzo de 2005.


AO VALEDOR DO POVO DE GALIZA