AOS MEIOS DE COMUNICACIÓN

O Colectivo Nacionalista valora positivamente a saida do PP do governo do estado

Desde o Colectivo Nacionalista valoramos positivamente e nos felicitamos pola saida do governo do Partido Popular. Este partido representou nos últimos anos o acoso criminalizador ao nacionalismo, o recurte de liberdades individuais, a privatización salvaxe de servizos públicos, o recurte de dereitos laborais conquistados polos traballadores e unha longa lista de “defectos” nunha xestión arrogante.

O PP utilizou até o último momento as institucións en benefício próprio, pero desta vez dunha forma lamentábel e cruel. Enganou dunha forma vergonzosa aos cidadáns do estado español, aos governos europeus e á ONU manipulando a información sobre o gravisimo atentado de Madrid; acelerando unha tendéncia eleitoral que agora os situa nunha solitária oposición.

O cámbio que produciron os resultados eleitorais pode parecer en princípio positivo, cando menos no talante e nas formas. Teremos que esperar un tempo prudencial para valora-los pero xa sabemos como governa o PSOE. O modelo económico vai ser similar e dependente das decisións que emanen da Unión Europea e que tanto afectan á economia galega. A política agrária e pesqueira, que son fundamentais para o noso pais, non van ser prioridade en Europa dun governo do PSOE que non vai ter Galiza como referéncia.

O panorama político non deixa a Galiza nunha voa posición política. O PSOE vai estar máis pendente de outras formacións políticas con máis peso no congreso dos deputados e máis peso nas suas respectivas nacións.

Esta lexislatura pode ser a das nacións sen estado e a da negociación dun novo marco de relacións destas con España. Os galegos non imos pintar moito grácias a un BNG que se afunde en cada novo proceso eleitoral. A evolución desta organización nos últimos tempos abrazando o “autonomismo constitucional” consistente en abandonar o discurso claro na defensa do pais e das clases populares trae estes resultados. O marketing eleitoral de supermercado e a contratación de candidatos, non é efectivos para medrar en votos.

Ao Colectivo Nacionalista non nos preocupa o declive elitoral desta organización, o grave é que están conseguindo que o nacionalismo en Galiza, e o seu papel como nación dentro do estado español, sexa cada vez máis testemuñal. A dirección do BNG esta liquidando o traballo que desde fai moitos anos estivo facendo a militáncia nacionalista deste pais. Nos confiamos en que o povo galego se dote de novas formas de organización política que superen ás organizacións existentes actualmente e recuperen a iniciativa para o nacionalismo, tan necesário para a supervivéncia de Galiza como nación.

Despois dunha campaña eleitoral que pasou practicamente desapercibida e analisando os resultados en Marin vemos como no noso concello se repiten as tendencias eleición tras eleición, máis resultado de factores externos que da dinámica local carente nos últimos anos de iniciativa política. Gaña o PP cunha lixeira baixa, sube o PSOE e continua o descalabro do BNG.

Non confiamos en que o cámbio de governo vaia afectar en gran medida ao noso concello xa que os que nos governaron e nos governan, foran o PP ou o PSOE, non demostraron capacidade para acadar de outras “administracións amigas” inversións e proxectos para o noso concello.

Marin parece que quedou estancado e incluso a única gran obra que se fixo últimamente, a fonte da alameda, ten un estilo próprio dos anos 50. Mentras en concellos limítrofes ven-se transformacións o noso parece un gran dormitório. Este povo merece algo máis.

Esta claro que os cidadáns podemos actuar e modificar este estado de cousas, asi o demostran as movilizacións dos últimos dias provocando un cámbio inesperado no reconto dos votos. En Marin tamén podemos face-lo se comezamos a exixir e reivindicar que rache esta dinámica de imobilismo institucional. Temos que demandar do Concello, da Xunta, ou do organismo que sexa, que comecen a respetarnos e a considerarnos como aos demáis. Queremos un centro de saude, queremos un auditório, que rematen a piscina dunha vez, que se dinamice culturalmente o noso concello, non queremos que nos quiten os xulgados. Queremos que Marin teña os organismos e as prestacións que se merece unha cidade de 25.000 habitantes para que volva ter vida nas ruas como tiña non fai moitos anos e non continue na dinámica de cidade dormitório en que nos están convertindo.

Marin, 17 de Marzo de 2004.