1.
O PLAN SOGAMA: OITO ANOS DE FRACASO AMBIENTAL
O Plan de SOGAMA para a xestión dos resíduos sólidos
urbanos foi aprobado pola Xunta en xaneiro de 1992 e contemplaba a incineración
do 100% do lixo no noso país. Durante estes oito anos, SOGAMA prometeu
aos concellos unha solución rápida e viábel (A ÚNICA
SOLUCIÓN VIÁBEL!), pero en realidade mostrou-se como a máis
dificil de adoptar e a máis conflitiva. Pasarán ainda anos
antes de que as instalacións de SOGAMA estén completas.
Durante estes oito anos, o proxecto de SOGAMA serviu para xustificar a
máis caótica e antiecolóxica das xestións,
que só os plans alternativos conseguiron romper. Tras sucesivas
modificacións, o plan de SOGAMA segue baseando-se na incineración,
á que destina mais do 80% do investimento. Mentres tanto, o lixo
que SOGAMA leva a Cerceda tira-se nun vertedeiro incontrolado, con graves
problemas de contaminación. Sen dúbida, estes oito anos
da história de SOGAMA acumulan o maior impacto ambiental do lixo
no noso país.
2.
A INCINERACIÓN É INCOMPATÍBEL COA RECICLAXE E COA
REDUCIÓN
Nos países europeus ponteiros, a reciclaxe do papel atinxe o 70%,
a do vidro o 80% e o alumínio o 90%. As tendéncias últimas
mostran-nos que, canto máis recicla un país máis
rápido aumenta a taxa de reciclaxe, mentres que naqueles onde se
dá via libre á incineración e ao vertido, a reciclaxe
non arranca nen se reduce a xeración de lixo. En 1997, cinco anos
depois de aprobado o plano de SOGAMA, só se reciclaba na Galiza
o 3% do lixo. Hoxe, a participación en SOGAMA é incompatíbel
coa reciclaxe de cantidades significativas de materiais inertes (papel,
plásticos... ) e sobretodo coa compostaxe da matéria orgánica.
Non se pode destinar miles de millóns de pesetas a construir a
incineradora de Cerceda e afirmar que o queremos é reciclar, pois
ambas alternativas son incompatíbeis. SOGAMA está a construir
unhas instalacións de incineración sobredimensionadas, que
compiten polo lixo con outras alternativas máis ecolóxicas
como a reciclaxe, a compostaxe, e mesmo a redución da sua xeración.
Os borradores de contrato que SOGAMA ofertaba aos concellos son ben explicitos
neste sentido: calquera redución na cantidade de lixo entregado
seria penalizada. Mentres os plans alternativos reciclarán entre
o 60 e o 80% do lixo, SOGAMA non atinxirá máis do 10% de
reciclaxe.
3.
UN NEGÓCIO DAS ELÉCTRICAS E DOS GRANDES LOBBIES INCINERADORES
O balanzo enerxético da incineración é catro veces
menos favorábel que o da reciclaxe: aforra-se catro veces máis
enerxia cando os materiais contidos no lixo se destinan á sua reciclaxe
que extraendo-lles a enerxia por combustión. A incineración
destrue matérias primas xa elaboradas que poden sustituir as matérias
primas virxes. A incineración xa non é precisa, nen siquera
para reducir o volume do vertido final, pois a combinación dun
plan de reciclaxe-compostaxe intensivo (a través da recollida selectiva)
cunha inertización e compactación do refugallo non reciclábel
permite alcanzar volumes inferiores aos correspondentes ás cinzas
de incineración. En definitiva, a incineración non é
nen socialmente nen ambientalmente necesária, ficando hoxe como
un mero lucro das empresas incineradoras e das eléctricas.
4.
SOGAMA: A OPCIÓN MÁIS CARA
Novos concellos ou comarcas poden optar proximamente por solucións
ao marxe de SOGAMA, alén de que a nova lexislación europea
requira dotar a incineradora de novos e caros sistemas de control da contaminación.
Calquera destas posibilidades fan que a opción de SOGAMA conleve
un forte risco económico. Ante o crecimento da reciclaxe en xeral,
e a desvinculación de novos concellos, á opción de
SOGAMA vai-se converter na máis cara, ao estar a incineradora fortemente
sobredimensionada para o futuro imediato. O proxecto de SOGAMA é
claramente inaplicábel no rural, tendo uns elevados custos de recollida
e transporte. Pode dar-se a contradición de que, desde o ponto
de vista económico, o plano de SOGAMA se aplique naquelas zonas
onde é menos aconsellado.
5.
UNHA SOLUCIÓN CADUCA NOS PAÍSES AVANZADOS
Non só paises como Alemaña e Holanda están desenvolvendo
plans intensivos de reciclaxe e compostaxe, senon que tamén no
Estado español ocorre algo parecido. A maioria dos proxectos de
novas incineradoras foron desbotados nos últimos anos. A Área
Metropolitana de Barcelona desbotou en xullo de 1997 a construcción
dunha nova incineradora, centrando todos os esforzos na reciclaxe e a
compostaxe. A Comunidade Autónoma de Valéncia aprobou hai
pouco máis dun ano un plan de xestión do lixo doméstico
que exclue totalmente a incineración. A incineradora prevista para
Vizcaia segue estando na corda frouxa, e seguramente non será construida.
Na outra banda, a Mancomunidade de Montejurra, o concello de Córdoba,
o proxecto residu minim de vários concellos cataláns, entre
outros, teñen demostrado sobradamente o éxito de plans integrais
de reciclaxe e compostaxe.
6.
A PRINCIPAL CAUSA DE XERACIÓN DE DIOXINAS
A incineración segue sendo a causa da emisión ao meio ambiente
de entre o 20% e o 90% das dioxinas e furanos, as subtáncias máis
tóxicas que se coñecen, responsábeis da crise alimentária
belga. As dioxinas causan cancro, xeran malformacións xenéticas,
e deterioran o sistema imunolóxico. Ademais de dioxinas, a incineración
emite grandes cantidades de metais pesados e outros contaminantes (partículas,
gases ácidos como SO2 ou ácido clorídrico, substáncias
organocloradas...). As dioxinas e metais pesados emitidos ao ambiente
son substáncias denominadas persistentes, pola sua permanéncia
no meio durante muitos anos, e tamén bioacumulativas, pola tendéncia
a acumular-se nos organismos dos seres vivos, especialmente nos tecidos
graxos. Estas características son as que explican que as dioxinas
xeradas na combustión do lixo nos vertedeiros ou nas incineradoras
podan acumular-se na cadeia trófica e aparecer concentradas nos
alimentos.
7. SÓ UN NIVEL CERO DE DIOXINAS É SEGURO: ERRADICACIÓN
TOTAL DA INCINERACIÓN DO LIXO
O nivel de dioxinas que hoxe ten a poboación dos paises industrializados
no seu corpo é xa demasiado elevado, superando mesmo o umbral no
que estas substáncias mostran diversas afeccións á
saude como, por exemplo, o deterioro do sistema imunolóxico: enfermidades
comúns que se consideravan controladas volven-se agora preocupantes,
ante a perda de defensas do organismo humano. Abandonar a incineración
do lixo non será suficiente para resolver este problema de saude,
pero na medida en que a incineración do lixo ainda é unha
das principais causas de xeración de dioxinas, esta medida constitue
un primeiro paso decisivo. Nesta cuestión, todo control posterior
á xeración de dioxinas é insuficiente, precisa-se
da prevención en orixe, que pasa polo abandono da incineración
e do uso do cloro e dos organoclorados.
8.
A INCINERADORA DE CERCEDA XERARÁ TANTOS RESÍDUOS TÓXICOS
COMO TODA A INDÚSTRIA GALEGA
A depuración dos gases consiste en reter os contaminantes nas cinzas
voantes: no proxecto de SOGAMA supoñen máis de 50.000 tn
anuais de resíduos tóxicos para os que ainda non teñen
resolto o seu destino. As escouras e outros resíduos da incineración
e do proceso de elaboración de combustíbel tamén
constituen resíduos perigosos. Segundo dados do próprio
proxecto, xerarán-se unhas 85.000 toneladas anuais de resíduos
perigosos, de tal forma que a incineración lixo xera tantos resíduos
perigosos como o conxunto da indústria galega, excluida a fabricación
de alumínio.
9.
A SOCIEDADE GALEGA, CADA VEZ MÁIS CONCIENCIADA, REQUERE SOLUCIÓNS
ECOLÓXICAS
Galiza ten unha sociedade cada vez máis concienciada e máis
esixente dunha xestión ecolóxica. A aparición con
maior frecuéncia de problemas como os dos alimentos belgas contaminados
con dioxinas ou o leite de granxas de vacuno en Holanda e Francia fará
que aumente a preocupación social polo meio ambiente e a saude.
Ningún concello que se limite á facer a xestión que
SOGAMA lle propón poderá recibir o recoñecimento
dos sectores da sociedade minimamente concienciados coa conservación
do ambiente e a prevención dos riscos sanitários.
10.
HOXE É POSÍBEL ABANDONAR A INCINERACIÓN: OS CONCELLOS
GALEGOS TEÑEN A PALABRA
Depois de que algúns concellos teñan rompido co monopolio
de SOGAMA na anterior lexislatura, na actualidade os concellos contan
cunha boa parte do camiño percorrido para acadar unha xestión
ecolóxica do lixo. Na situación de crispación que
se vivia na Galiza nestes últimos anos, foi esperanzador ver como
os proxectos ecolóxicos de xestión do lixo (Morrazo, Barbanza,
A Coruña...) saian adiante sen oposición cidadá de
tipo algún, un dato máis que demostra a decantación
cidadá a favor da reciclaxe. Coa cidadania a favor e con alternativas
economicamente máis competitivas, os xestores municipais non poden
seguir pechando os ollos ante o problema dos vertedeiros incontrolados
e da inineración de SOGAMA.